+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Outubro de 2018

MEDIO AMBIENTE CUMPRIRÁ A SENTENZA SOBRE A VIVENDA DE RIOMAIOR, EN VILABOA, SEN PREXUIZO DE QUE O DONO EXECUTE O DERRIBO DE INMEDIATO


A Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística vén de recibir por escrito unha notificación do propietario na que amosa a súa intención de acometer a demolición de forma voluntaria e asegura que xa iniciou os traballos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio seguirá adiante co procedemento para levar a cabo a demolición dunha vivenda unifamiliar en Riomaior, Vilaboa. O propietario da vivenda notificoulle á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) hai uns días a súa intención de executar voluntariamente os traballos pero salvo que o interesado proceda á demolición íntegra e inmediata da edificación antes do inicio das obras por parte da Aplu, a Xunta está obrigada a seguir adiante co derribo para dar cumprimento a unha sentenza xudicial firme.

Os traballos de demolición desta vivenda foron encargados pola Aplu a raíz dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2009. O fallo xudicial, que ten carácter firme, establece que a obra foi construída ilegalmente e ordena á Administración que proceda á súa demolición.

En virtude desta sentenza e tendo en conta que o propietario en ningún momento ata o de agora amosou a súa disposición a executar o derribo, a axencia urbanística redactou o proxecto de demolición da devandita vivenda. Logo de que os traballos foran adxudicados a unha empresa a comezos deste ano, a Aplu dirixiuse ao interesado para notificarlle o inicio das obras de demolición a partir do 21 de maio, con indicación de que nesa data a vivenda tiña que ser desaloxada e quedar liberada de todos os seus enseres e pertenzas.

Ante a notificación recibida hai uns días por parte do propietario indicando a súa intención a acometer o derribo, cómpre lembrar que a Xunta xa ten adquiridas unhas obrigas contractuais coa adxudicataria do contrato, que segundo o proxecto de demolición estima unha duración máxima de 15 días para levar a cabo os traballos.

A Xunta está obrigada a cumprir estes prazos tanto para a execución da sentencia como en cumprimento do contrato coa empresa adxudicataria. En calquera caso, esta situación non impide, tal e como se lle vén de comunicar ao propietario en resposta ao seu escrito, que el mesmo poda proceder á demolición íntegra e de forma inmediata da vivenda, sempre e cando o faga antes do inicio das obras por parte da Aplu.

Neste sentido, cómpre recordar que os particulares poden acometer voluntariamente a demolición das súas edificacións ilegais antes de que a administración dea comezo aos traballos. Pero se isto non ocorre, é a Xunta quen, de forma subsidiaria, está obrigada á súa execución en cumprimento das sentenzas que así o establezan.

En todo caso, técnicos da axencia urbanística visitarán proximamente a devandita vivenda co fin de verificar sobre o terreo o estado actual da mesma e se, tal e como sostén o propietario, xa comezou certos traballos de derribo que imposibilitan o seu uso residencia.

A Xunta é consciente da sensibilidade social que hai en Vilaboa ante a situación urbanística do Concello, cun PXOM en trámite desde hai máis de 13 anos e varios expedientes abertos por infraccións neste ámbito, pero en calquera caso a Administración, neste caso a autonómica, está obrigada a velar polo cumprimento da lexislación vixente en materia de urbanismo e a execución dos mandatos xudiciais.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembra que todos os expedientes de reposición da legalidade urbanística que están a ser tramitados no concello de Vilaboa axústanse estritamente á legalidade en vigor, tanto a nivel autonómico como municipal. Por iso, a Aplu está obrigada a continuar coa súa execución e polo tanto a solicitude de paralización das ordes de derribo en marcha carece de fundamento legal.

Deja un comentario