+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

O CONCELLO PROMOVE ACCIÓNS FORMATIVAS GRATUÍTAS PARA FAVORECER A INSERCIÓN LABORAL E MELLORAR A EMPREGABILIDADE


Preténdense organizar este ano varios cursos de sectores diversos para complementar os plans de emprego e as axudas directas

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai promover ao longo do presente exercicio diversas accións formativas gratuítas co dobre obxectivo de mellorar a empregabilidade de traballadores e persoas desocupadas e de favorecer a inserción laboral. Este proxecto foi abordado na xornada de hoxe polo presidente municipal, Jorge Cubela, nunha xuntanza mantida no consistorio co presidente da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia, José Ramón Caldas.

“Do que se trata é de buscar e ofrecer as máximas oportunidades para os autónomos, porque sosteñen moito emprego, especialmente nun concello coma o noso”, sinalou Cubela, que indicou que a planificación do goberno local pasa por organizar alomenos tres ou catro cursos gratuítos orientados a diversos sectores ao longo do presente ano para axudar na súa formación, na mellora das súas perspectivas profesionais e na consecución duns índices aínda máis elevados no acceso ao mercado laboral.

Este plan formativo servirá ademais para complementar outras moitas iniciativas que o Concello desenvolve ao longo do ano en relación co emprego, a xeración de riqueza ou a dinamización da economía local. Entre as mesmas atópanse as axudas directas a Pemes e autónomos, os diversos plans de emprego impulsados polo Concello para a contratación de persoal ou a adopción de rebaixas fiscais, entre as que destaca a pioneira supresión do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) aprobada o pasado ano.

Tras a xuntanza, Cubela salientou que a creación de emprego “é posiblemente a máxima prioridade e un dos principais obxectivos do goberno local xunto cos Servizos Sociais, o reforzo dos servizos públicos e o coidado do medio ambiente polo que pagan a pena todos os esforzos que fagamos”. “Estamos nunha boa dinámica xa que conseguiuse diminuír o paro de case 500 persoas hai uns anos a unhas 350, pero temos que seguir afondando nesta liña para que todo o mundo teña a súa oportunidade en Cerdedo-Cotobade”, detallou o munícipe.

Deja un comentario