+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

O I CONCURSO NACIONAL DE MANEXO DA RAZA PORCO CELTA ESCOLLERÁ NA FEIRA ABANCA SEMANA VERDE AO GANDEIRO CO MAIOR DESTREZA


OS PARTICIPANTES NESTA PROBA, QUE TERÁ LUGAR O 10 DE XUÑO, TERÁN QUE CONSEGUIR QUE O SEU ANIMAL COMPLETE UN DETERMINADO PERCORRIDO NO MENOR TEMPO POSIBLE

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 7 ao 10 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acollerá o I Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta.

Esta novidosa competición, que conta cunha decena de gandeiros inscritos, consistirá en manexar un exemplar de porco celta por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo. Así, nunha primeira parte o animal deberá atravesar unha zona que simula unha manga, pasar entre dúas vallas facendo zig zag e dar tres voltas en ambos sentidos a un triángulo feito tamén con vallas. A segunda parte centrarase en subir ao animal a un remolque, algo que se non se consegue non descualifica ao participante.

Este Concurso, organizado pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), terá lugar o domingo 10 de xuño pola tarde.

Así mesmo, o porco celta protagonizará o segundo concurso morfolóxico desta raza celebrado no certame, no que participarán 56 exemplares pertencentes a 23 ganderías das catro provincias galegas. Competirán machos, femias e, por primeira vez, animais de recría.

Esta raza autóctona galega en perigo de extinción contará ademais cunha ampla exposición de animais procedentes de trinta ganderías, entre as que se inclúen exemplares do rabaño de porco celta que o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) ten na finca de Armariz (Nogueira de Ramuín). Ademáis, no marco do Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), os produtos desta raza formará parte dos menús degustación que ofrecerá o restaurante Tapirazas.

Xornada de porcino

Por outra banda, organizada pola Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, levarase a cabo na feira unha xornada centrada nos piares fundamentais para evitar o raboteo nas explotacións porcinas, é dicir, que os animais se mordan o rabo uns aos outros.

 

No seu marco Joaquín LLorente, product manager porcino de Trouw Nutrition España, debullará as solucións nutricionais contra a caudofaxia no porcino, mentres que a ventilación e o confort nas explotacións serán abordados por Ignacio Viladomiu, enxeñeiro técnico e xerente de Agrener Industrial, delegado en España de Skov.

Tras un descanso-café por cortesía de Silvet, Umberto Rolla, veterinario de Martini Spa e Opp Italia, falará sobre as boas prácticas de manexo para a prevención e control co patrocinio de Zoetis.

Deja un comentario