+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

A XII FEIRA DE CUSPEDRIÑOS ADHÍRESE AO COLECTIVO DE MERCADOS ARTESANAIS, ECOLÓXICOS E DE PROXIMIDADE EMREDE


Os comerciantes interesados en contar con algún dos 50 postos desta cita deberán poñerse en contacto con este colectivo

A XII Feira de Cuspedriños, organizada polo Concello de Cerdedo- Cotobade, vén de adherirse ao colectivo de mercados artesanais, ecolóxicos e de proximidade Emrede, que será o encargado da xestión dos postos de venda e exposición de produtos habituais deste certame. Nembargantes, desde a entidade detallaron que todos os que asistiran á edición de 2017 e estean interesados en repetir teñen garantido un espazo nesta cita.

Polo demais, os restantes comerciantes, artesáns ou persoas que queiran algún dos 50 postos que estarán habilitados nos antigos pendellos, a carballeira e a contorna deste lugar de San Xurxo de Sacos deberán contactar con esta entidade, que é especialista na xestión de ecomercados e de recuperación de antigas feiras como espazo lúdico e de encontro da veciñanza. De feito, Emrede vai coordinar unha decena de eventos similares nas provincias de Pontevedra e A Coruña entre esta primavera e o verán.

Polo demais, o Concello xa ten practicamente pechados todos os detalles desta feira, que terá lugar o vindeiro domingo 3 de xuño e que na xornada de hoxe presentou o seu cartel promocional da man do presidente municipal, Jorge Cubela.

En canto ao programa, e máis aló dos postos de alimentación, roupa, trebellos ou artesanía, vai manter o mesmo formato exitoso de edicións anteriores co obxectivo de consolidar os arredor de
4.000 asistentes que se rexistraron nos últimos dous anos. Así, haberá cantigas e coplas de cego, afiador, fotógrafo, titiriteiros, gaiteiros e espectáculos musicais e de animación para todos os públicos coa habitual estética de mediados do século pasado.

Por este motivo, e dado que un dos principais obxectivos da Feira de Cuspedriños pasa por recrear os antigos e potentes mercados desta zona celebrados hai sesenta anos como homenaxe e ollada ao pasado e á historia do municipio, convídase a todos os asistentes a vestirse de época para a ocasión co obxectivo de favorecer a ambientación.

Deja un comentario