+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018

A FESTA DA TROITA REMATA O SEU PERIPLO POLO RURAL DE PONTE CALDELAS CON MÁIS DE 1.500 RACIÓNS CONSUMIDAS


A presidenta da Deputación, Carmela Silva, estará mañá en Regododobargo para celebrar o remate da xira gastronómica

 

 

A Festa da Troita de Ponte Caldelas remata mañá, venres, a súa viaxe por todas as parroquias do rural para afrontar esta fin de semana as súas xornadas centrais na Alameda. O Concello de Ponte Caldelas preparou un amplo calendario de actos para o sábado e o domingo, poñendo o colofón a un maio de intensa actividade gastronómica.

O evento, que cumpre xa 52 anos en Ponte Caldelas, ampliou o seu formato hai só tres para dar paso á Festa da Troita polo rural. Trátase dunha novidade introducida polo equipo de Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) co obxectivo de facer partícipe a toda a veciñanza do municipio dunha celebración que, en moitos lugares, se percibía como unha celebración urbana. Nacía así o “maio troiteiro”.

Despois de 25 paradas noutros tantos lugares do territorio caldelán, a viaxe chega mañá á súa fin coa parada na Casa do Pobo de Regodobargo. Ao acto confirmou a súa asistencia a presidenta da Deputación, Carmela Silva, cumprindo así a promesa que fixo ao alcalde, Andrés Díaz, e á veciñanza hai tan só uns meses con motivo da inauguración da Casa do Pobo deste núcleo.

O balanzo do periplo polo rural é moi positivo, pois consumíronse máis de 1.500 racións de troita. Son cifras relevantes, porque son equivalentes ao consumo durante a fin de semana na Alameda. Ao remate deste mes, os asistentes á Festa da Troita de Ponte Caldelas terán consumido bastantes máis de 3.000 racións de produto.

O alcalde subliña que a Festa da Troita polo rural converteuse nun elemento de convivencia entre os veciños das diferentes parroquias, ademais dunha data para o encontro da veciñanza de cada un dos pobos. Este ano incrementouse a chegada de persoas doutros concellos que acoden a Ponte Caldelas por motivos de amistade ou vínculos. As noites de troita xuntan invariablemente a varios centos de persoas, aínda que a cifra varía moito dun lugar a outro. Nesta edición volveuse incrementar a afluencia, especialmente notable nos pobos máis densamente habitados, aínda que Xustáns acabou converténdose na cita mais concorrida e con maior consumo de troita, alcanzando os 65 Kg.

Unha vez degustado o peixe, que se serve nunha ración ao prezo de 3 euros incluídos pan e viño, a veciñanza achega doces caseiros e/ou licor café e a festa continúa ata ben pasada a media noite, especialmente nas fins de semana. A animación musical adoita non faltar.

O dispositivo gastronómico itinerante, único en toda Galicia, é posible gracias á colaboración altruísta de un grupo de cociñeiros/as comandado por Enrique Lafuente e do que forman parte José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Dolores Padín, Sandra Gil, José Manuel Corbacho e José Luis Reimúndez.

En canto á Festa da Troita desta fin de semana en Ponte Caldelas, o stand de degustación abrirá ás 19.00 horas o sábado e ás 12.00 e ás 18.30 horas o domingo. Na xornada de sábado celébrase o Concurso de Pesca durante toda a mañá. Ao longo da tarde hai actuacións musicais e de baile e a xornada remata coa verbena a partir das 23.00 horas capitaneada pola orquestra Miramar.

O domingo celébrase a entrega de premios do concurso de pesca nas súas diferentes categorías a partir das 13.00 horas, seguida do concerto da Banda de Música de Meaño. Ás
18.30 horas ten lugar o festival folclórico, co grupo Os Coribantes e o coro tradicional
Abeleiras de Alxán (Soutomaior).

Deja un comentario