+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

A AUGA DA REDE DE SALCEDA SEMPRE FOI APTA PARA O CONSUMO


Loli Castiñeira asegura que a oposición no seu Concello segue o “manual de oposición irresponsable”
A Tenente de Alcalde e Concelleira de Sanidade, Loli Castiñeira, respostará por escrito a dúas preguntas formuladas polo PSdeG-PSOE no último Pleno relacionadas con supostos problemas na calidade da auga e que foron difundidos irresponsablemente nas redes sociais tanto polo Partido Socialista como polo PP de Salceda.
Na súa resposta, a responsable de sanidade do Concello deixa claro que non houbo ningún problema que comunicar a veciñanza sobre a calidade da auga, aínda que sí poideron darse momentos puntuais de turbidez relacionados coa situación do embalse de Eiras pola seca vivida, “que a esta Concellaría non lle constan”. “Un informe solicitado ao Consorcio de Augas do Louro, encargado da xestión da auga que chega ás nosas billas, indica que non houbo problemas, que a auga estivo axeitadamente clorada e que en todo momento a Consellería de Sanidade estivo revisando os parámetros sen que fose preciso alertar de que a auga non podía consumirse”. Así pois “esta Concelleira ten que decir que non había nada que comunicar aos veciños e veciñas e que a auga, en todo momento controlada polo Consorcio de Augas do Louro con comunicación permanente á Consellería de Sanidade da Xunta, nunca deixou de ser apta para o consumo durante a crise da seca do embalse de Eiras e mesmo durante unha acción de sabotaxe sufrida nun dos depósitos de redistribución, que foi denunciado ante a Garda Civil polo propio Consorcio”.
Noutra pregunta, o PSdeG-PSOE tamén se refire a supostas ronchas que lle apareceron a nenos e nenas e polos que, segundo as socialistas de Salceda, tiveron que ser atendidos en servizos médicos. “Esta Concelleira”, di textualmente Castiñeira “consultou ao Servizo de Pediatría de Salceda sobre a posibilidade de existencia destes casos e indicóuseme que é totalmente falso pois nin un só neno ou nena foi atendido con estas doenzas en Salceda, e moito menos con problemas derivados do consumo da auga”.
Para a Tenente de Alcalde a laboura de oposición é un bo mecanismo de control nos Concellos pero debe exercerse de xeito responsable, e hai liñas vermellas que non deben pasarse, como a de usar a falsidade para alarmar e amedrentar aos veciños e veciñas, buscando sacar beneficio político. Iso faise por políticos e políticas de pouco nivel, sen ideas propias e que para facer o seu traballo parece que baixaron de Internet o “Manual de malas prácticas da oposición” aplicando o lema de “alarma que algo queda”, usando a mentira e o “ruxe ruxe” sen medir consecuencias dun feito tan grave e causando preocupación en nais e pais e poboación en xeral.

 

Sen dúbida a seca foi un feito preocupante para Vigo e para Concellos como Porriño, Mos e Salceda, que reciben auga do presa de Eiras. En Mos goberna o PP e en Porriño o PSOE, e non temos noticia de que a oposición neses Concellos quixera sacar rédito político de posible turbidez da auga cando, en todo momento, o consumo non estivo desaconsellado pola Consellería de Sanidade, que fixo análises diarios. “Esta Concelleira estivo atenta aos acontecementos e en contacto permanente co Consorcio e, por suposto, sen baixar a garda nin un so momento, nunha actitude responsable”. Lembra a Concelleira a importancia fundamental de aforrar auga, sempre pero especialmente en situacións de crise, e por suposto ser responsables nas cousas que se din e como se din, e cústame asumir que persoas que algunha vez exerceron acción de Goberno tiren pola borda os seus coñecementos anteriores”
A concelleira remitiu xunto coa súa resposta copia de diferentes informes e analíticas realizadas polo Consorcio de Augas do Louro.

Deja un comentario