+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

VÍA LIBRE PARA A MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL ENTRE RIBADUMIA E A RUTA DA PEDRA E DA AUGA


A presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez pecharon hoxe o convenio co Concello para executar as obras por máis de 225.000 euros

Deputación e Concello de Ribadumia fixeron hoxe oficial o convenio para mellora da estrada provincial EP-9305 entre Coirón e Ribadumia entre o núcleo e o inicio da ruta da Pedra e da Auga. Tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, como o alcalde David Castro, manifestáronse satisfeitos polo proxecto de reforma, que ten un orzamento de 225.088 euros, e que, ademais de ter un deseño que beneficiará o tránsito peonil que potenciará a economía e o turismo na zona, instalará servizos urbanos para a veciñanza.

A licitación da obra, segundo asegurou Benítez, será inminente, xa que o proxecto está xa no departamento de Contratación, que está a traballar para aplicar a nova Lei de Contratos. Unha vez comecen as obras, o prazo de execución será dun máximo de catro meses. O ámbito de actuación abrangue 410 metros de lonxitude coa creación dunha nova senda de 2,5 metros de largo, a instalación de catro redutores físicos de velocidade de vehículos, e unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

O deputado de Mobilidade explicou que coa súa chegada á Deputación, o novo goberno provincial plantexou un cambio de filosofía que mudou as prioridades nos proxectos de mellora de estradas, poñendo o foco nas persoas e apostando por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión. Para facer referencia ao proxecto botou a vista atrás e lembrou que o anterior goberno provincial tiña outro deseño para a vía que foi posible modificar grazas á implicación municipal. “Este vai ser un exemplo de como se facían as cousas antes e como se fan a partir de agora. Gastáronse moitos cartos en facer beirarrúas non accesibles con dimensións insuficientes para os usuarios”, dixo.

Tamén agradeceu ao concello e á veciñanza a cesión dos terreos para poder ampliar a sección da rúa e lembrou que o propio goberno local financiará os peches das fincas grazas a unha axuda provincial do Plan Concellos que se aprobará nas vindeiras semanas.

O deputado nacionalista quixo facer fincapé no financiamento do convenio e subliñou que a Deputación farase cargo do 70% do custe da obra, mentres que o Concello só fará fronte ao 30% restante, “menos cantidade” da que lle correspondería realmente para facer fronte aos servizos da súa competencia: pluviais e saneamento, soterramento de servizos, nova iluminación ou mobiliario.

Proxecto global para a provincia
A presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción pola firma co convenio para a execución do proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada provincial 9305 Coirón-Ribadumia-Leiro. Máis polo miúdo, Carmela Silva asegurou que coa actuación nesta estrada provincial preténdese “garantir a seguridade viaria, a mobilidade, así como estender un modelo de actuación nas infraestruturas que permita recuperar os espazos para a cidadanía”.

Neste eido, a presidenta da Deputación puxo en valor o traballo desenvolvido desde a área de Mobilidade, baixo a dirección do deputado provincial Uxío Benítez, que “está a impulsar un proxecto global para toda a provincia, por vez primeira na historia da Deputación, con criterios claros e asentando a actuación en base a un plan e un modelo urbano ben definido”.

A actuación, unha realidade
Pola súa banda, o alcalde David Castro agradeceu o proxecto á Deputaicón e subliñou que é moi importante para o desenvolvemento económico do municipio e para a seguranza viaria. “O éxito deste proxecto é a colaboración dos veciños”, dixo o rexedor, xa que grazas ás cesións é viable facer a mellora e tamén chegar ata o muro do Pazo Barrantes, co que tamén se negociou e acordou retranquear os muros. “Hoxe tamén é unha realidade do Pazo Barrantes”, subliñou.

“Nós temos un dos recursos turísticos máis importantes que é a ruta da Pedra e da Auga e as marxes do río Umia. Este equipo de goberno está a potenciar o turismo e a mellora desta zona facilita a chegada de visitantes doutros concellos, provincias e incluso a nivel internacional. Todo o que se poida mellorar e que faga que se acheguen a Ribadumia e se sintan cómodos e poidan gozar da paisaxe, mellor”, apuntou, para insistir en que a sinatura do convenio para as obras é un feito, a diferencia do que asegurara o grupo do PP: “Este equipo de Goberno en colaboración coa Deputación, con Mobilidade e con Uxío Benítez demostramos, e falamos con feitos, facendo que este proxecto sexa unha realidade. Este proxecto vai favorecer o desenvolvemento económico de Ribadumia, polo tanto, noraboa porque probablemente antes de final de ano pode ser unha realidade”, asegurou.

Deja un comentario