+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Educación aproveitou as vacacións para mellorar o drenaxe nos patios dos colexios Arealonga e Piñeiriño


Tamén se dotou dunha nova rampla ao colexio da Escardia para facilitar o acceso dunha alumna que usa cadeira de rodas

Tal como anunciara no mes de novembro, a Concellería de Educación aproveitou as vacacións de Nadal para executar as obras de mellora dos sistemas de drenaxe nos patios dos colexios Arealonga e O Piñeiriño. Os traballos pretenden poñer fin aos problemas de asolagamento que se rexistraban nestes dos colexios cando chovía de forma copiosa. O departamento que dirixe Rocío Llovo investiu 10.569 euros nestas actuacións.

Espina e Delfín encargouse de realizar as obras que consistiron na instalación dunha rede de drenaxe no patio do Arealonga e da construción de desaugues e mellora do firme no Piñeiriño. En ámbolos dous casos será preciso esperar a que regresen as choivas para comprobar o funcionamento das medidas adoptadas para evitar o encharcamento dos patios. En caso de que foran insuficientes, a concellería ordenaría novas actuacións, tal como a responsable de Educación xa comprometera no Pleno do mes de novembro.

A actuación no colexio Arealonga enmarcouse na parte do patio situado entre os dous pavillóns deportivos. Unha das principais causas do problema da acumulación de auga que se rexistraba nesta extensa zona producíase porque a choiva que caía sobre o tellado do ximnasio vello e do patio cuberto anexo confluía nunha mesma canalización que desaugaba directamente á explanada de terra. Para solventar esta situación, instaláronse media ducia de sumidoiros repartidos polo patio para que as augas sexan conducidas ao novo entramado de canalizacións soterradas que se colocaron para recollelas e que desembocarán no río canalizado que discorre por baixo do recinto.

No Piñeiriño repúxose o firme da entrada do centro, que se atopaba moi deteriorado e tamén se mellorou a explanada interior por onde acceden ao edificio os alumnos de maior idade. Para evitar que a explanada de terra desta zona se converta nunha lameira cando chove, instalouse un novo sistema de drenado e procedeuse á pavimentación da mesma.

Deja un comentario