+034 986 09 02 04 Martes 27 de Outubro de 2020

UN “BY-PASS” PARA QUITAR A AUGA QUE BAIXABA POR UN DOS CAMIÑOS CENTRAIS DE TABOADELO


O Concello atende as peticións veciñais e corrixe o problema

As augas xa non baixan descontroladas pola costa dun dos camiños centrais de Taboadelo, onde está situada a Casa do Pobo. O Concello vén de rematar as obras de conexión entre a canle dunha antiga presa de rego cunha toma de pluviais situada metros máis abaixo, facendo así un “by-pass” que dá saída á auga.
As obras, que foron obxecto de repetidas demandas pola veciñanza, solucionan un problema que se vía agravado pola forte pendente do camiño e o trazado dunha curva, provocando así o risco de entrada da auga en varias vivendas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) ten realizado xa máis dunha vintena de obras para corrixir a recollida das augas en varios núcleos do rural. A prioridade está sempre nos camiños cuxa pendente agrava o problema.
Nesta ocasión, foi preciso colocar máis de 100 metros de tubo de 315 mm de sección baixo o firme. A canalización arranca no rego do camiño e conecta, a través dunha arqueta, coa rede existente máis abaixo.
A veciñanza explicou que as augas corresponden a unha antiga presa de rego para as fincas de labor. A infraestrutura, de propiedade veciñal, quedou cegada ao perder o seu uso orixinal e polas obras dun particular na súa propiedade, provocando así o desbordamento.
Ao mesmo tempo, o Concello aproveitou para tapar o rego do camiño, tanto neste tramo como na súa saída inferior, ampliando así a súa anchura, pois xa ten quedado atrapado algún coche.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona e confirmou que este camiño vai ser pavimentado de novo, na súa totalidade nos próximos meses, ao estar incluído dentro dun dos paquetes de obras que están a piques de iniciar o procedemento de licitación.

Deja un comentario