+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

LIMAR TEATRO LEVA A ADAPTACIÓN DE ‘ANAGNÓRISE’ Á CAÑIZA


Trátase dun espectáculo para público maior de 14 anos que adapta a obra máis coñecida de María Victoria Moreno
Será representada o luns 28 na Casa da Cultura ás 16 horas

A Casa da Cultura da Cañiza acolle ás 16 horas do vindeiro luns a terceira representación de “Anagnórise”, das dez que Limiar Teatro levará pola provincia no marco do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra. A obra, que está indicada para público maior de 14 anos, baséase nunha das obras máis coñecidas de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Esta representación forma parte da programación teatral que, baixo o título “María Victoria Moreno a escena!”, o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra, e que conta cun total de 60 actuacións a cargo de seis compañías de teatro. No caso concreto de “Anagnórise”, xa pasou por Bueu e Moraña, e tras ser representada na Cañiza, continuará a itinerancia por Meis, Baiona, A Guarda, Salceda de Caselas, Vila de Cruces, Salvaterra de Miño e Soutomaior.
A adaptación, realizada pola compañía Limiar Teatro e producida por Galaxia Editorial, pon enriba das táboas historia de Nicolau, un mozo que decide fuxir a Madrid facendo autostop, e de Xulia, a muller que o recolle no seu vehículo. O escenario sitúase, aparentemente, nun desguace no que dous actores van facendo un percorrido trepidante polos elementos máis salientables que conforman a road movie que constitúe a obra orixinal, desde a primeira parada para tomar o polbo ata o derradeiro café en Madrid. Este percorrido está fiado cunha proposta escénica pouco común, baseada en mapping audivisual, música en directo, lectura de fragmentos da obra, xogos nos que se precisa a participación e complicidade do público, e grandes doses de humor.
O atractivo da adaptación de ‘Anagnórise’ realizada por Limiar Teatro reside na confluencia entre elementos totalmente contemporáneos e procedentes da cultura dos mass media, como os concursos televisivos, a música de moda ou grandes éxitos do cinema comercial de Hollywood, postos ao servizo dos valores que defende María Victoria Moreno na súa obra, como son a busca do amor, a comprensión entre as persoas, a igualdade de xénero, e a necesidade de asumir a perda e afrontar a frustración.
Hai que lembrar que ‘Anagnórise’ fora publicada en 1988 e foi seleccionada para a lista de honra da IBBY en 1990. Desde entón, vendéronse milleiros de exemplares converténdose na obra de maior éxito comercial de María Victoria Moreno.
O cartel de “María Victoria a escena!”, ademais de “Anagnórise”, inclúe “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos” coa que Matrioshka Teatro homenaxea a vida e a traxectoria da autora. Ambas propostas están indicadas para público maior de 14 anos.
Para público familiar contempla “Mar adiante” adaptada por Odaiko Teatro; “Romance de cans” de Viravolta Títeres – Seisdedos, baseado no conto “Can branco, can negro”; “Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno”, un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo ‘Polo correo do vento’; e a adaptación de “Leonardo e os fontaneiros”, producida tamén pola Editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro.

Deja un comentario