+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

XOSÉ LEAL: “O ÉXITO DO MUSIGAL RESPONDE Á DEMANDA DE MÚSICA EN GALEGO QUE VIÑAMOS DETECTANDO NA PROVINCIA”


Todos os concellos contan alo menos cunha gran actuación musical profesional ao abeiro deste programa
Os 9 concellos que contan con dúas actuacións enmárcanas en Festas de Interese Turístico e en eventos consolidados
‘O éxito do Musigal responde á demanda de música en galego que viñamos detectando en toda a provincia, tanto por parte dos concellos con problemas orzamentarios para realizar as programacións que desexarían como por parte do público que demanda música profesional nos seus lugares de residencia”, así resumiu esta tarde o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o resultado da convocatoria realizada polo seu departamento para promover que a música en galego chegue a todos os concellos. Nunha presentación realizada baixo o formato dun programa de radio e conducida por Xurxo Souto, o deputado nacionalista anunciou que todos os concellos de menos de 50.000 habitantes presentaron solicitudes para contar con concertos e actuacións ao abeiro deste programa e a todos lles foi aprobada a primeira actuación que encabezaba a solicitude. Por cuestións orzamentarias, para conceder a segunda actuación foi preciso aplicar os criterios de valoración recollidos nas bases da convocatoria, polo que foron nove os concellos aos que se lles adxudicaron, por estar enmarcadas en Festas de Interese Turístico e en eventos consolidados. Estes nove concellos son Poio, Cambados, O Rosal, Agolada, A Guarda, Bueu, A Estrada, Ponteareas e A Cañiza.
O deputado tamén fixo público que en total suman 67 concertos a cargo de 29 formacións musicais. Hai que lembrar que neste programa se inscribiran un total 70 formacións musicais en seis categorías, formando un catálogo que se publicitou entre os concellos para que fixeran as súas solicitudes. O artista máis solicitado e con máis concertos concedidos é Roi Casal, con 11 actuacións; seguido de Treixadura con 8, de Milladoiro con 6, e de Óscar Ibáñez&Tribo con 4. Con 3 actuacións están Sés, Odaiko e Verbena Galega, con 2 figuran Xulio Lorenzo, Susana Seivane, A Roda, Dakidarría, De Vacas, a Orquestra de Cámara Galega, e Heredeiros da Crus. E con unha actuación están Uxía, Punkinfantil, Píscore, Os D’Abaixo, Festicultores Troupe, Budiño, Anxo Lorenzo Band, Andrea Pousa, A Gramola Gominola, A Banda da Loba, Guadi Galego, Keltia O Musical, e Migallas.

A presentación de todo o calendario arrancou esta tarde co ‘Musigal na Onda’, un programa de radio ad hoc que se celebrou na planta baixa do Pazo provincial e no que participaron grupos musicais e representantes das seis categorías, ao tempo que interpretaron música en directo. Actuaron Susana Seivane, De Vacas, Roi Casal, Gabi de Dakidarría, Rogelio Groba da Orquestra de Cámara Galega e Peter Punk e Brais das Hortas. Sobre o calendario, o primeiro concerto terá lugar mañá en Vilaboa, onde actuará a Roda, e o segundo o vindeiro luns en Lalín, onde actuarán Os D’Abaixo. A maioría terán lugar durante o verán, nomeadamente no mes de agosto, mentres que para o outono están previstos sete, os últimos en Portas, con Roi Casal, e Ribadumia, con Uxía, ambos o 9 de decembro.
Hai que lembrar que o Musigal se inscribe no marco das accións do Ano da Lingua e que conta cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, co obxectivo de promover que os concellos da provincia poidesen programar grandes actuacións musicais en galego do sector profesional. Para isto, o Musigal contempla seis categorías, que atenden á promoción da igualdade de xénero coa categoría ‘Son muller’, na que participan grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista son mulleres; á promoción de espectáculos para público infantil e familiar coa categoría “Son crianza”; á música realizada por xente nova con “Son mocidade”, na que se dá cabida a grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes son menores de 35 anos; á música tradicional galega coa categoría “Son tradición”; á música clásica con composicións de autores galegos na categorías “Son clásico”; é á música de estilos como o pop, rock, hip hop e música electrónica coa categoría “Son actual”.
As 67 actuacións concedidas serán cofinanciadas ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación.

Deja un comentario