+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

MEDIO AMBIENTE INVISTE MÁIS DE 20.000 EUROS NA LIMPEZA E CONSERVACIÓN DO REGO DO INFERNO AO SEU PASO POR MOAÑA


Técnicos de Augas de Galicia acometeron durante un mes os traballos de mantemento, que consistiron na roza selectiva do tramo, unha poda selectiva e a eliminación de Arundo donax e Acacia dealbata
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de concluír os traballos de mantemento, conservación e mellora das marxes do Rego do Inferno ao seu paso polo Concello de Moaña (Pontevedra).

Os traballos, que comezaron a mediados de abril e se prolongaron durante un mes, implicaron un investimento de máis de 20.000 euros e consistiron fundamentalmente na roza de masas de matogueira, podas selectivas de Sálix atrocinerea, a eliminación de masas localizadas de Arundo donax e Acacia dealbata, así como a retirada de ramas caídas e vexetación morta. Os labores dos técnicos focalizáronse sobre un tramo do rego de case 400 metros de lonxitude que discorre pola parroquia de O Rosal e Moaña.

Estes traballos encádranse nas actuacións que ao longo do ano desenvolve Augas de Galicia para o mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías da Demarcación Galicia-Costa co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais, así como asegurar a correcta circulación das augas.

Con este tipo de intervencións, o organismo de conca pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos de Galicia-Costa.

Deja un comentario