+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

CUBELA ANUNCIA INVESTIMENTOS POR 120.000 EUROS PARA ALMOFREI COA MELLORA DA PISTA DE ARROTEA E DA CASA DO POBO


Na estrada Xesteira-Almofrei realizaranse escavacións e muros de contención, ampliarase a calzada e renovarase a pavimentación

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a realización de investimentos por 120.000 euros ao longo deste ano para a parroquia de Almofrei, que se beneficiará principalmente da mellora da pista de Arrotea, a reforma da Casa do Pobo e varios proxectos de saneamento. O rexedor está a repasar nestes días co resto do goberno as actuacións de cada parroquia co obxectivo de cubrir perfectamente as súas necesidades e as demandas veciñais e, tras esta primeira análise, xa quedaron definidas estas obras en Almofrei e nos vindeiros días iranse concretando as das restantes parroquias.
A principal actuación vai ser o ensanchamento da pista municipal entre Xesteira e ArroteaAlmofrei, que contará cun investimento de 77.000 euros procedentes do Plan Marco da Xunta de Galicia. Neste vial realizaranse movementos de terras e escavacións para proceder á ampliación da vía en diversos puntos caracterizados pola súa estreitez. Ademais, construiranse muros de contención para garantir a seguridade e pasos salvafoxos, ao tempo que se procederá á renovación completa da pavimentación.
Así mesmo, vaise proceder á modernización da Casa do Pobo ao abeiro do Plan de Centros
Veciñais 2019, co que Cubela pretende mellorar ou dotar a todas as parroquias dun local social
nas mellores condicións nesta lexislatura municipal. No recinto de Almofrei vanse investir
31.000 euros para proceder ao cambio da cuberta co obxectivo de mellorar as condicións
térmicas do interior e tamén se realizará a limpeza da fachada, o pintado das instalacións e a
resolución dunhas recurrentes humidades. Ao final, este inmoble terá fiestras de madeira, no
canto das de PVC proxectadas, por esixencias de Patrimonio, cuxo estudo do proxecto obrigou a demorar unha actuación prevista para o pasado exercicio.
Finalmente, as actuacións para Almofrei completaranse coa redacción do proxecto de saneamento de Xesteira para a súa execución futura e a finalización da rede de sumidoiros do lugar de Arrotea, xa que se extenderá este servizo a catro vivendas que aínda non o teñen e que están situadas nunha das marxes laterais da pista de baixada cara a ponte medieval.

Deja un comentario