+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

PONTE CALDELAS PECHOU A FESTA DA TROITA CUNS 2.000 Kg DE PEIXE CONSUMIDO


Ponte Caldelas baixou o domingo, o telón da Festa da Troita. Unha intensa fin de semana, precedida de todo un mes de “maio troiteiro”, como se denomina xa extraoficialmente á versión descentralizada polo rural da celebración gastronómica emblemática da capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén.
A festa conclúe con cifras de récord, pois consumíronse en torno a 2.000 Kg de peixe nas modalidades de troita fritida e en escabeche. Este ano, por primeira vez nos tres anos en que leva implantada a Festa no rural, esta variante superou á fin de semana no centro da vila.
Aos actos do domingo acudiu o deputado provincial Santos Héctor, así como varios ex-concelleiros das sucesivas corporacións democráticas que foron expresamente invitados polo Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) nunha mostra de respecto institucional.
No discurso oficial, o alcalde, Andrés Díaz, destacou o crecemento da Festa da Troita e a total consolidación do “maio troiteiro”. Cualificou a Festa da Troita como unha herdanza que hai que coidar e mellorar para deixarlla no futuro aos que veñan a traballar por Ponte Caldelas. Na súa intervención non faltou unha defensa do río Verdugo, emblema de Ponte Caldelas, coa proclama de “Trasvase non!”. Non faltou o agradecemento expreso ao equipo de cociñeiros e camareiros que fai posible este maio que Ponte Caldelas dedica á exaltación da troita.
O Goberno local fai unha valoración moi positiva tanto desta fin de semana como de todo o mes, recalcando que estamos diante dun evento dunhas dimensións únicas en Galicia e mesmo en toda España, pois non hai precedentes dunha festa gastronómica descentralizada por todo o territorio e cunha duración real dun mes.
A música e o baile tiveron especial protagonismo durante esta fin de semana na carpa instalada na Alameda de Ponte Caldelas. O remate estivo a cargo do grupo Os Coribantes de Buchabade, acompañados dos seus “amigos” e o coro tradicional de Alxán.
A xornada do domingo comezou coa entrega aos gañadores do concurso de pesca, no que se impuxo o pescador local José Antonio Lorenzo. Por clubs gañou tamén o club local, a Sociedade Verdeseixo. A troita máis grande capturada correspondeu ao pescador de Rivadavia Roi Juan López, cun exemplar de 45,2 centímetros.

Deja un comentario