+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA O I CAMPUS AZERO PORTEROS CIDADE DE PONTEVEDRA


Este evento deportivo, que terá lugar dende o 25 ata o 29 de xuño, está destinado a porteiros de fútbol de 7 a 16 anos

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o I Campus Azero Porteros Cidade de Pontevedra, evento deportivo que se levará a cabo, no complexo da Cidade Infantil Príncipe Felipe, dende o 25 ata o 29 de xuño en modalidade de xornada completa e que está dirixido a porteiros de fútbol de entre 7 e 16 anos.

Durante a presentación, que tivo lugar no Pazo Provincial, a deputada de deportes, Chelo Besada, amosou a súa satisfacción pola colaboración cos eventos deportivos da provincia sinalando que “dende a institución provincial traballamos a diario para poñer en marcha actividades que promovan o deporte nos distintos ámbitos da sociedade e especialmente entre os máis pequenos, xa que favorece á súa condición física e psíquica, ao mesmo tempo que inculca valores tan positivos para a sociedade como poden ser a solidariedade ou o traballo en equipo”. Ademais Besada subliñou que “actividades coma esta axudan a favorecer o atractivo turístico da provincia”.

Grazas a esta novidosa iniciativa, trinta porteiros poderán adestrar e traballar diariamente como profesionais e vivir a rutina deste oficio de primeira man. Ademais, durante as cinco xornadas no campus, os participantes no evento recibirán charlas técnicas, sesións de vídeo e outras actividades complementarias, tanto de ocio como de aprendizaxe.

O porteiro e capitán do Pontevedra F.C., Edu Sousa, o porteiro do Coruxo F.C., Alberto Domínguez, e o adestrador de porteiros da Escola de Fútbol Portero2000, Antonio Rodríguez, serán os encargados de coordinar e deseñar os adestramentos de Campus Azero Porteros Cidade de Pontevedra.

Para inscribirse ou recibir máis información poden facelo a través da páxina web www.azeroporteros.jimdo.com. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición cerra o 18 de xuño.

Deja un comentario