+034 986 09 02 04 Luns 21 de Setembro de 2020

“SOMOS HISTORIAS” DESEMBARCA ESTE XOVES EN CÓRDOBA DA MAN DE CARMELA SILVA QUE PRESENTARÁ A CAMPAÑA A TUROPERADORES, MEDIOS E AXENTES TURÍSTICOS


O patrimonio, a gastronomía, María Vinyals e a Vía da Prata serán protagonistas desta primeira acción da Deputación de Pontevedra no mercado andaluz

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manterá este xoves unha axustada axenda para a promoción do destino #PontevedraProvincia en Córdoba. Deste xeito, ás 11.00 da mañá terá lugar unha presentación dos atractivos turísticos da provincia e, xa pola tarde, a gastronomía das Rías Baixas será a protagonista dunha gala solidaria en beneficio da Fundación Bangassou.

A primeira cita da xornada de promoción en Córdoba terá lugar ás 11.00 no Hotel Eurostars Palace da cidade. Alí, Carmela Silva, da man de autoridades da Deputación da provincia andaluza entre as que estarán presentes o presidente provincial e a deputada de Turismo, dará a coñecer os atractivos turísticos de Rías Baixas, centrándose na campaña “Somos historias” e nalgúns dos puntos en común entre a provincia e Córdoba como son María Vinyals e a Vía da Prata cara Compostela.

Ademais da presenza confirmada do presidente da Deputación de Córdoba e da deputada de Turismo, está previsto que na presentación de destino da provincia de Pontevedra se concentren tamén responsables de turismo do concello cordobés, unha vintena de turoperadores, así como medios de comunicación, axentes turísticos e persoas integrantes da Asociación de Amigos do Camiño Mozárabe e da Casa de Galicia na cidade andaluza.

Xa pola tarde, ás 20.30 horas terá lugar a Gala Solidaria no Hotel Eurostars Palace a favor da Fundación Bangassou. Nesta gala, a provincia de Pontevedra terá un especial protagonismo xa que os produtos que se van degustar proceden das Rías Baixas. Máis polo miúdo, servirase polbo, vieiras, lenguado e un postre a base de Albariño. O viño será tamén da DO Rías Baixas e irá etiquetado co lema da campaña promocional da Deputación de Pontevedra “Somos historias”.

Para a Deputación de Pontevedra o público andaluz é preferencial xa que Andalucía se trata da segunda emisora de visitantes á provincia. Amais, segundo os estudos realizados por Turismo Rías Baixas, o público cordobés valora moi positivamente aspectos da nosa provincia como son a cultura, as temperaturas suaves e a gastronomía.

Deja un comentario