+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

CARMELA SILVA DEFENDE EN MADRID A NECESIDADE DE IMPLANTAR O ACCESO ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS COMO XEITO DE GARANTIR A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES NO MUNDO RURAL


A Presidenta da Deputación de Pontevedra advertiu que as Administracións non poden lexislar en innovación sen dotar de recursos económicos aos gobernos locais

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva subliñou hoxe en Madrid, no “IV Congreso Cidades Intelixentes” impulsado pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (SESIAD), que “mentres non se garanta o acceso de toda a poboación as novas tecnoloxías non haberá igualdade de oportunidades para os veciños e veciñas no mundo rural”. A Presidenta provincial defendeu que debe ser unha obriga para as Administracións que a poboación rural teña os mesmos dereitos e servizos que aquelas persoas que viven nos núcleos urbanos e que esta igualdade ten que vir do acceso as novas tecnoloxías que evitarán o despoboamento das zonas de interior do país.

Carmela Silva participou na mesa redonda “O Plan nacional de Territorios Intelixentes: Unha oportunidade para o entorno rural”, na que advertiu que as Administracións non poden lexislar sen dotar de recursos económicos as leis para evitar situacións como a acontecida coa administración electrónica. Silva subliñou que cando chegou o goberno da Deputación de Pontevedra so cinco concellos tiñan implantada a administración electrónica e que a institución provincial fixo un inxente esforzo para que na actualidade, tres anos despois, os 61 concellos da provincia contan con este servizo. “Formamos a 2.324 funcionarios municipais para que puideran adaptarse as esixencias da lei de Administración electrónica e neste intre somos a única provincia galega que conta en todos os seus concellos con este servizo”, concluíu Carmela Silva.

A Presidenta recalcou que a veciñanza do mundo rural ten os mesmos dereitos e que as administracións “non debemos usar a teoría dos servizos mínimos para estes territorios”. “O despoboamento –continuou Silva- afecta a todo o conxunto do territorio español e o mundo rural é unha garantía do mantemento dos sectores primarios potentes como son a gandería, a agricultura ou a pesca”. Precisamente estes dous sectores son dous dos eixos de traballo da Deputación pontevedresa e a Presidenta expuxo o proxecto SmartPeme que garante a formación e o acceso aos recursos tecnolóxicos para as pequenas empresas e autónomos no mundo rural.

Igualmente Carmela Silva fixo un repaso polos proxectos de servizos en dotación de sistemas intelixentes para os concellos da provincia como a aplicación para a obtención do Padrón que xa ten 19 concellos adheridos e que facilitan aos funcionarios da administración local e aos veciños e veciñas a consulta e a obtención dos seus datos. Tamén informou os presentes do servizo de impresión dixital centralizado que pon a disposición dos concellos da provincia como un sistema de aforro e optimización de servizos.

A Presidenta referiuse ao proxecto de Tourist Inside Rias Baixas que ten como obxectivo avanzar na transformación da provincia de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente, de acordo coa metodoloxía desenvolvida pola Secretaría de Estado de Turismo e a definición adoptada polo Subcomité 5 de Destinos Turísticos do Comité Técnico de Normalización 178 de AENOR. O proxecto pretende potenciar as ferramentas tecnolóxicas existentes na actualidade, así como crear novas ferramentas, avanzar na interoperabilidade con outros axentes e garantir unha maior promoción de xeito agrupado.

Igualmente citou o proxecto Viñas Atlánticas que é un Sistema de xestión ambiental que mediante o uso das novas tecnoloxías minimiza a utilización de produtos fitosanitarios por parte dos viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Por último, Carmela Silva anunciou que en breve días presentará o novo proxecto do Geoportal IDEPO que facilitará a procura, o acceso e o uso efectivo dos datos xeográficos, co que se posibilita a integración, a interoperabilidade e o intercambio de información entre diversas institucións, empresas e cidadáns, accedendo a información.

Xunto á presidenta da Deputación, participaron na mesa redonda Eduardo Gutiérrez, responsable da oficina de Seguimento do Plan Nacional de Cidades Intelixentes da SESIAD; Juan Manuel Fernández Ortega, Director Xeral da Administración Local da Xunta de Andalucía; Joaquín Palacín, Director Xeral de Ordenación do Territorio do Goberno de Aragón e Isabel Bombal, vogal asesora da Dirección xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal.

Deja un comentario