+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

O GOBERNO DE MONDARIZ ESIXE Á XUNTA O CESE DA UTILIZACIÓN DE GLIFOSATO NAS ESTRADAS DO MUNICIPIO


O Concello avoga pola utilización de medios mecánicos ou humanos ou “non tan prexudiciais para o medio ambiente”

O Concello de Mondariz, remitiu o día 11 de maio, vén de remitir senllos escritos a Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dando conta da utilización, por parte da administración autonómica, de glifosato na limpeza das beiravías das estradas municipais.
No seu escrito, o executivo que preside Xoán Carlos Montes Bugarín, lembra que xa no ano 2017, o Concello puxera en coñecemento do Servizo de Conservación de Estadas da Xunta de Galicia “o seu rexeitamento ao emprego de sistemas de fumigación mediante herbicidas para a limpeza das marxes das estradas de titularidade autonómica”, sen que iso implicase a gran importancia que, para a seguridade viaria, ten a correcta limpeza de ditas estradas.
Ao igual que se fai por parte doutras administracións, o Goberno local de Mondariz, avoga “pola utilización de outros medios, como mecánicos ou humanos para o mantemento e limpeza viaria” empregando, polo tanto, “métodos non tan prexudiciais para o medio ambiente”
O malestar do Concello de Mondariz, non vén dado só polo feito de que a Xunta de Galicia fixera ouvidos xordos a dito escrito, senón tamén polo feito de que nos meses de abril-maio de 2018, a Consellería de Infraestruturas volve a empregar o uso de herbicidas con glifosato nas estradas de Mondariz “sen indicar previamente que o ían facer e sen sinalizar a estrada no momento de facelo”.
A preocupación do Concello, sinala o seu alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, está “máis que xustificada” se se ten en conta que Mondariz é coñecido “pola calidade das súas augas”.
Dende esa perspectiva, a utilización de herbicidas con glifosato “podería ter efectos nocivos sobre os acuíferos” ocasionando un enorme prexuízo medioambiental.
O alcalde de Mondariz, “lamenta fondamente” que a Xunta de Galicia, “ignore de xeito reiterado ás peticións lexítimas dos concellos no cese da utilización de herbicidas con glifosato nas estradas que pasan polos seus municipios” polo que mírase na obriga de poñer este feito en coñecemento dos diferentes organismos afectados “en busca do seu apoio e colaboración”.

Deja un comentario