+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

A XII FEIRA DE CUSPEDRIÑOS CONTARÁ CUNHA OFERTA RÉCORD DE OITENTA POSTOS DE ALIMENTACIÓN, ARTESANÍA E TURISMO


O programa inclúe música, teatro, xogos, a actuación do Cego de Monifates, sorteos, traxes tradicionais e obradoiros de tipis e cerámica

A XII Feira de Cuspedriños celebrarase o vindeiro domingo, 3 de xuño, nesta aldea de San Xurxo de Sacos cunha oferta récord conformada por oitenta postos e expositores de produtos de alimentación, artesanía, saúde, ecoloxía e turismo e ademais disporá dunha gran carpa para stands e visitantes ante a posibilidade de choivas febles.

Estas novidades e todos os detalles do programa foron dados a coñecer  durante o acto de presentación oficial deste certame celebrado no consistorio de Carballedo e que contou coa presenza do presidente, Jorge Cubela, de membros da corporación municipal e de representantes do colectivo de mercados ecoartesanais e de proximidade Emrede, que colabora con esta cita na coordinación e organización dos postos.

Cubela quixo agradecer o apoio desta asociación “para configurar a nosa recreación dos antigos mercados de Cuspedriños, moi potentes a mediados do século pasado, xa que permite acadar un maior grao de profesionalización e contar cunha maior oferta para os milleiros de visitantes, posto que trátase dunha entidade especializada que vai acometer unha decena de feiras nestes meses na nosa comunidade e que está centrada en aspectos e valores que defendemos, como a ecoloxía e a proximidade”.

Así mesmo, quixo convidar a todos os veciños de Cerdedo-Cotobade e a todas as xentes da provincia a que se acheguen ata Cuspedriños “para gozar dunha xornada lúdica e moi especial que serve de ollada a nosa historia e tamén de recoñecemento ao noso pasado como trabe fundamental para conformar a moderna sociedad actual”.

Polo demais, o certame contará con 35 stands de alimentación artesana e ecolóxica, 30 de artesanía e os 15 restantes de saúde natural, limpeza ecolóxica, ecoturismo e enerxías renovables e estarán distribuídos entre os pendellos, o antigo mercado e unha zona da carballeira que quedará cuberta por unha carpa de grandes dimensións para evitar que a xornada poida verse deslucida por posibles precipitacións.

Deja un comentario