+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O PLENO APROBA POR UNANIMIDADE A SOLICITUDE Á RAG DA CONCESIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2019 A ANTONIO FRAGUAS


O Concello remitirá a vindeira semana unha carta informativa desta proposta á Academia Galega para respaldar os méritos do cotobadés

O pleno da xunta xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar por unanimidade, na sesión ordinaria de maio celebrada esta mañá en Carballedo, a presentación dunha solicitude ante a Real Academia Galega (RAG) para a concesión da honra do Día das Letras Galegas 2019 a Antonio Fraguas, escritor, historiador, etnógrafo, expresidente do Museo do Pobo Galego e Fillo Predilecto destas terras.

Os vinte membros da corporación municipal apoiaron esta petición tras o acordo acadado previamente polos dous grupos municipais, PP e PSdeG-PSOE, e agora procederase, xa na vindeira semana, a remitir unha carta informativa desta proposta á institución académica para respaldar a candidatura e os “sobrados méritos” deste intelectual galeguista nado na parroquia de Loureiro para ser a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2019.

O acordo aprobado polo pleno recolle, ademais da solicitude da máxima honra cultural do país, a absoluta e total colaboración do Concello na organización e desenvolvemento de todos os actos e a consideración de que Cerdedo-Cotobade debe ser o epicentro desta celebración das Letras Galegas, en caso de outorgarse, por ser o lugar de orixe de Fraguas, que se sentía especialmente vencellado a unha terra que forxou a súa personalidade e traxectoria cultural.

Tras a sesión, o presidente municipal, Jorge Cubela, valorou moi positivamente o consenso alcanzado polos dous grupos con representación institucional e considerou que esta unanimidade “demostra que Antonio Fraguas é unha figura indiscutible para todas as xentes deste concello, o cal cremos que reforza e moito a súa candidatura, pero é que ademais tamén confirma que a súa vida, obra e legado son patrimonio de todos os galegos e por iso mesmo merecen ser postos en valor e coñecidos e recoñecidos co Día das Letras”.

“Cursamos esta petición porque no ano 2019 cúmprese o viséximo aniversario do seu pasamento e estimamos que, máis aló da humilde programación municipal que estamos a emprender, é o momento idóneo para que reciba a máxima homenaxe da nosa cultura e das nosas letras”, sinalou o munícipe.

Deja un comentario