+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS ‘CONCELLOS REVITALIZA’ RECIBEN Á TERCEIRA PROMOCIÓN DE MESTRAS E MESTRES COMPOSTEIROS


O vicepresidente César Mosquera e o reitor Salustiano Mato entregaron os diplomas do curso de formación da UVigo destacando que o persoal cualificado é un piar do plan de compostaxe provincial

 

Os 36 ‘concellos Revitaliza’ da provincia de Pontevedra reciben á terceira promoción de mestras e mestres composteiros formados na ‘Facultade da Compostaxe’ da Deputación para reforzar o persoal que xa está a divulgar a compostaxe como novo sistema de xestión de biorresiduos e encargarse do mantemento dos centros de compostaxe comunitaria instalados. O vicepresidente César Mosquera e o reitor Salustiano Mato entregaron os diplomas do curso de formación que realizaron, que xa é título propio da Universidade de Vigo, o que permitirá que os e as 25 bolseiras poidan comezar as súas prácticas.
O vicepresidente Mosquera destacou na súa intervención dentro do acto da entrega de diplomas que un dos grandes éxitos do Plan Revitaliza é que está baseado na xestión dos biorresiduos a través de persoal moi cualificado. Insistiu que na súa concepción, en agosto de 2015, definiuse unha folla de ruta que pretendía fuxir de experiencias fracasadas ou que non aproveitaran as potencialidades da compostaxe, precisamente, pola ausencia de persoal ben formado.
Segundo Mosquera, na Deputación tomouse a decisión de poñer en marcha algo que non correspondía a un organismo provincial, tomar a iniciativa na formación, algo que dependía de que sintonizasen dúas cuestións: “quitar frustracións” aos poucos expertos que traballaban en compostaxe para que aportasen o seu coñecemento e cristalizasen o seu saber no alumnado da ‘Facultade da Compostaxe’, e espertar interese de persoas no ámbito dos residuos para que se presentaran ás convocatorias de mestres e mestras composteiras. “Afortunadamente moitas persoas viñeron coa ilusión de que o Plan Revitaliza viñera adiante. Fixemos as convocatorias e presentástesvos –dixo ao alumnado-. Ese foi o grande éxito. Ata onde sabemos non hai persoal máis formados ca vós en toda Europa e non ides ter problemas para o voso futuro laboral, porque a Comisión e o Parlamento Europeo teñen dito que rematou o colector verde e precísase persoal para xestionar iso. Pagou a pena o esforzo”.
Pola súa banda, o reitor Salustiano Mato, que tivo na entrega de diplomas un dos seus últimos actos oficiais como responsable de Universidade de Vigo, destacou que o curso de formación organizado pola Deputación, e nesta ocasión xa recoñecido pola UVigo como título propio, permite que os novos mestres e mestras composteiras “se mergullen no mercado laboral a través da economía circular e desenvolvan a través do ‘expertise’ un mundo máis sostible”.
“Que mellor maneira de traballar que devolver á terra o que é da terra! Iso é o que fai o Plan Revitaliza. É unha maneira de traballar a través de persoas capilarizando a sensibilidade ambiental a máis persoas para que a economía circular sexa unha realidade. Porque só poderemos conciliar benestar social con crecemento sostible a través da economía circular, e nós –en referencia á UVigo- estaremos aquí para seguir colaborando no que sexa preciso”, subliñou Mato.
Pola súa banda, a deputada responsable de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, tamén participou na entrega de diplomas e lembrou que o centro de acollemento é protagonista directo do Plan Revitaliza e do traballo e implicación das mestras e mestres composteiros. “Alí se impartiron as clases teóricas e parte das prácticas. Alí acudiron algúns dos principais especialistas da materia de toda Europa. E alí contamos co alumnado máis capacitado e predisposto a aprender que podiamos esperar”, lembrou.
A nacionalista engadiu que desde o principio o goberno da Deputación decidiu converter este macrocentro nunha experiencia piloto que puidese servir de modelo e exemplo para outros núcleos de poboación, deixando claro que é posible o obxectivo de eliminar os biorresiduos en orixe. “E así o fixemos. Conseguimos que dun centro da complexidade de Príncipe Felipe -con máis de 200 menores convivindo en unidades de convivencia, sobre 600 traballadores, cociña e comedor, cafetería, instalacións deportivas e residencia, escola infantil, centro de educación especial e primaria con cafetería, e incluso un centro con formación específica de hostelería e industrias alimentarias-, non saíse un quilo de biorresiduos. E por suposto, parte fundamental do éxito en Príncipe Felipe, e do éxito do programa nos concellos adheridos, débese ao labor dos mestres e mestras composteiras”, finalizou.
Aposta polas persoas, non por máquinas nin infraestruturas
As novas mestras e mestres composteiras da promoción quixeron agradecer á Deputación a través de dous voceiros (Sara Novegil e Óscar Martínez) a oportunidade que se lles abriu co Plan Revitaliza dende dous puntos de vista diferentes. O máis importante, segundo destacaron, é que o plan é “unha aposta clara polo capital humano, pola formación da xente para que sexa o primeiro contacto, a cara visible do cambio na xestión dos residuos orgánicos. Non por máquinas, non por infraestruturas, senón por xente”. Isto, dixeron, “é unha oportunidade para contactar directamente coa cidadanía sensibilizándoa, pero tamén aprendendo dela” e “igual de obvio que de infrecuente, polo que nos sentimos moi agradecidos por formar parte deste plan”.
Por outra banda, os novos mestres e mestras destacaron que, dende o punto de vista ambiental, o Revitaliza “é un dos proxectos máis vangardistas e ousados que se teñen posto en marcha no eido da xestión de residuos”. Manifestaron a súa confianza no plan como unha alternativa óptima ao actual sistema, que é ineficiente tanto a nivel ambiental como económico: “para todos os que tiñamos unha forte conciencia ambiental, e que sentíamos dende fai tempo que este era un paso lóxico pero moi complicado de acadar, hoxe estamos contentos ao ver como progresa este plan”, afirmaron.
Finalmente, Sara Novegil tamén agradeceu en nome de todos os mestres e mestras a complicidade da Universidade de Vigo e das anteriores promocións da ‘Facultade da Compostaxe’, “que conseguiron incrementar aínda máis as nosas inquietudes fronte aos problemas ambientais” da xestión do lixo. “Estou segura que conseguiremos contaxiar o noso ambiente á veciñanza, ilusionalos, implicalos, e así acadar a súa colaboración, a cal é necesaria para acadar os ambiciosos obxectivos que dende hoxe nos propoñemos”.
Por comarcas, os concellos adheridos ao Plan Revitaliza son: na comarca de Pontevedra: Pontevedra, Barro, Campo Lameiro e Ponte Caldelas. Na comarca do Salnés están O Grove, , Cambados, Illa de Arousa, Ribadumia, Sanxenxo e Vilagarcía. Na comarca de Caldas están Caldas, Catoira, Cuntis e Valga. Na comarca do Morrazo están Vilaboa, Bueu, Cangas e Moaña. Na comarca de Deza Tabeirós están Lalín, Rodeiro e Silleda. Na comarca de Vigo están Baiona, Gondomar, Porriño, Redondela, Soutomaior. Na comarca do Condado Paradanta están As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salvaterra. Na comarca de Baixo Miño, finalmente, están Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui.

Deja un comentario