+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

O CONCELLO ACOMETE UN MURO E PECHE DE SEGURIDADE E DELIMITACIÓN NA CONTORNA DA CASA DO POBO DE SANTA MARÍA


Procedeuse á construción dun muro de mampostería para favorecer a contención da zona e de 20 metros de barandilla de madeira tratada

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acometer unha importante actuación en materia de seguridade e delimitación na contorna da Casa do Pobo de Santa María de Sacos coa construción dun muro de contención de grandes dimensións e a instalación dunha barandilla de peche. Estes traballos foron realizados nas últimas semanas pola Brigada Municipal de Obras e acaban de ser visitados polo presidente municipal, Jorge Cubela.

En concreto, a actuación consistíu no levantamento dun muro de pedra que permitirá conter o terreo nunha parcela que conta con terraplén e certo desnivel e na instalación dunha barandilla de madeira tratada nun espazo de 20 metros lineais que favorecerá a delimitación da contorna deste local social ao tempo que outorga unha maior seguridade e minimiza o risco de accidentes. Cómpre lembrar que este espazo é moi utilizado polos veciños, moitos dos cales acuden con cativos, polo que pretende evitarse que se produza algunha caída.

O presidente municipal explicou, tras o seu percorrido por esta obra, que esta mellora foi solicitada polos veciños para gañar en seguridade e adecentar a imaxe da zona e o Concello asumiuna co compromiso de que estivese lista antes da festividade de Corpus Christi que terá lugar na parroquia esta fin de semana.

Cubela sinalou que estes traballos enmárcanse nas actuacións complementarias do Plan de Centros Veciñais 2019, co que pretende dotar ou mellorar os locais de todas as parroquias de Cotobade nesta lexislatura, e considerou que, malia tratarse de obras que poderían considerarse menores, “son de gran importancia porque implementan os proxectos de maior calado e ademais serven para aumentar a calidade de vida dos veciños, especialmente neste caso, no eido da seguridade e do embelecemento”.

Deja un comentario