+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MOSTRA DOS BOLECHAS ABRE AS PORTAS EN LALÍN COAS QUENDAS PARA VISITAS ESCOLARES ESGOTADAS


Durante o horario de mañá os centros educativos da comarca concertaron visitas guiadas para coñecer as variedades dialectais do país a través o universo Bolechas

Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá en persoa participaron na inauguración e recibiron a preto de 60 alumnos e alumnas procedentes de Donramiro, do Dozón e Lalín
A praza de Galicia de Lalín acolle ata o vindeiro 11 de xuño a carpa coa mostra didáctica ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ coa que a Deputación de Pontevedra pretende achegar, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia. A mostra, orientada a público familiar e, nomeadamente, a alumnado de primaria, está concibida para atender grupos escolares durante as mañás, unha opción á que se acolleron con notable éxito os centros educativos da comarca quedando as quendas completas mesmo antes da súa inauguración. De todos xeitos, tamén se atenderán as demandas dos centros educativos que teñan opción de programar visitas durante as tardes.
A exposición abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata a capital do Deza para darlle a benvida e saudar aos preto de 60 alumnos e alumnas procedentes do EEI de Donramiro, do CEIP Cabanillas de Dozón, e do CEIP Xesús Golmar de Lalín. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura de Lalín, Lara Rodríguez, o alcalde da localidade, Rafael Cuíña, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
“Aquí poderedes ver que o galego que se fala en Lalín non é o mesmo que se fala no Morrazo ou no Baixo Miño pero que todas as formas de falar son correctas e que o importante do idioma é falalo” explicou Xosé Leal durante a súa intervención ante a cativada. O deputado de Cultura e Lingua aseguroulles aos rapaces e rapazas presentes que “sodes o presente e o futuro de Lalín e da comarca do Deza, e sodes tamén o presente e o futuro da nosa lingua”. Leal tamén lles explicou que “sodes uns privilexiados porque hoxe é o día que veñen os Bolechas en persoa” e animounos a manter o idioma vivo e a “volver a visitar esta mostra todas as veces que queirades, porque ademais de vir co cole, podedes volver polas tardes coa vosa familia e cos vosos amigos e amigas”. O alcalde de Lalín agradeceu ao ente provincial o esforzo e as iniciativas a prol da lingua e tamén a labor docente de profesores e profesoras da comarca por “educar na nosa cultura e na nosa lingua”. Rafael Cuiña aproveitou ademais a ocasión para anunciar que “estamos traballando desde a concellería de Cultura, con Lara Rodríguez, na edición do libro ‘Os Bolechas veñen á Feira do Cocido”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez animou a todos e todas as presentes “a gozar da mostra e a volver máis días”. A concelleira asegurou ademais que “esta mostra é un indicativo da gran labor que está facendo a Deputación pola nosa lingua”. En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida “para aprender xogando” e “para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala noutros lugares como Lugo ou A Coruña”.
A exposición, que arrancara en Pontevedra a mediados de maio, estará en Lalín ata o 11 e desprazase despois a Vilagarcía, onde estará do 15 ao 26 de xuño, e no outono continuará por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás ó o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para peersoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle ‘A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua coa sección ‘A mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’, unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, “Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Deja un comentario