+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

NATUREZA E DEPORTE NO III CROSS POPULAR DE CABO UDRA QUE SE CELEBRA O 17 DE XUÑO


As inscricións están abertas ata o 13 de xuño na web http://www.prueba-t.es/

Tras os éxitos das primeiras edicións, o vindeiro 17 de xuño regresa o III Cross Popular de Cabo Udra, que combinará natureza, deporte e actividades complementarias nunha contorna privilexiada da costa de Bueu. Os organizadores do evento, cuxo fin é recuperar o ambiente creado no tradicional Cross de Beluso, son a ANPA Cabo Udra do CEIP Montemogos e o colexio de Beluso, que contan coa colaboración do Concello de Bueu e doutros organismos. Durante a rolda de prensa celebrada este venres na Casa Consistorial, o alcalde Félix Juncal apuntou que “é moi importante esta proba dado o protagonismo que se lle dá aos máis pequenos e pequenas”. Esta importancia reflíctese nas actividades paralelas que terán lugar neste espazo, como a tirolina de 200 m, o rocódromo, xogos populares da man da Asociación Juan XXIII de Cangas, un parque infantil, unha proba de orientación e unha exhibición de zumba.
E para dar a coñecer o espazo de Cabo Udra, o concelleiro de deportes, Manolo Otero, será o encargado de guiar unha andaina a partir das 12 do mediodía. Do que se trata é, pois, de que as familias acudan a este espazo para pasar o día nas diversas actividades.
Tal e como sinalou Marcos Torres, coordinador da proba e membro da ANPA Cabo Udra, outra das finalidades é a inclusión de todas as persoas, de aí a colaboración coa Asociación Juan XXIII, cuxos usuarios/as se encargarán de elaborar os trofeos de todas as categorías, ademais de coordinar os xogos populares e de participar na carreira popular de catro quilómetros.
Este cross seguirá o mesmo sistema que o ano pasado, integrándose dunha carreira absoluta de 10 quilómetros, e diversas categorías con percorridos adaptados segundo a idade, que van desde os pitufos de 3 anos (2014), pitufos de 4 anos (2013), pitufos de 5 anos (2012), minibenxamín (2010-11), benxamín (2008-09), alevín (2006-07), infantil (2004-05), cadete (2002-03) e popular (a partir de 2001).
Aínda que hai diversos circuítos segundo as categorías, no caso da carreira absoluta destaca a variedade de espazos. Aínda que o circuíto é similar ao do ano pasado, a organización tivo que realizar un pequeno axuste no tramo final por motivos de seguridade para os corredores e corredoras. Así, a saída será en Chan de Esqueiros, con volta a Udra ata o campo de tiro, de novo un rodeo a Udra e subida ao campo de fútbol con baixada polo monte. Este percorrido poderá ser recoñecido polas persoas que o desexen este domingo, 3 de xuño, ás 10.00 h.
As inscricións están abertas na web www.prueba-t.es ata o 13 de xuño ás 23.30 h. O custe de participación será de 6.00 € unicamente no caso da carreira absoluta, no resto das categorías é gratuíta. Desde a organización destacan que os centros educativos disporán de prazo ata o 8 de xuño para apuntarse vía correo electrónico.
Na rolda de prensa tamén estiveron presentes Manuela Millán, presidenta da ANPA Cabo Udra, Vanesa Carballo, directora do CEIP Montemogos, Marcos Torres, coordinador do Cross, Ricardo Verde, presidente do Club de Atletismo Corredoira, Teresa Lagos, directora da Asociación Juan XXIII, Fran Soliño, responsable do Taller Ocupacional da Asociación Juan XXIII e Daniel Otero, usuario da Asociación.
Toda a información sobre a proba pode atoparse na seguinte ligazón: http://inscripciones.ranckr.com/evento/iii-cross-popular—cabo-udra

Deja un comentario