+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018

O CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA SEGUE CRECENDO AO SEU PASO POR BAIONA


 

O Alcalde de Baiona recibiu esta mañá a unha corentena de peregrinos irlandeses, de Dublín, que elixiron a Vila de Baiona como punto de partida do seu camiño de peregrinación cara a Santiago de Compostela.

Os camiñantes chegaron a Vigo desde a súa terra natal e un autobús tróuxoos ata Baiona para comezar aquí a súa andaina. Os peregrinos decantáronse en comezar en Baiona o seu percorrido atraídos pola súa gran beleza paisaxística. Así, antes de comezar coa súa peregrinación aproveitaron para coñecer a vila e os seus recursos e tamén para consumir no comercio local.

O Alcalde de Baiona, Anxo Rodal, recibiunos na oficina de turismo esta mañá, deulle a benvida ao municipio e desexoulles un bo camiño.

Desde Baiona pódese conseguir a Compostela pois 123 quilómetros separan a Real Vila de Santiago.

Os devotos camiñantes percorrerán en seis etapas o Camiño Portugués da Costa, Baiona-Vigo, Vigo-Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis, Caldas de Reis-Padrón, Padrón-Santiago de Compostela.

“A visita dos peregrinos estranxeiros veñen confirmar que o Camiño Portugués da Costa segue afianzándose como ruta xacobea máis aló das nosas fronteiras pois a vila vén recibindo con asiduidade grupos de estranxeiros que cada vez máis conforme van pasado os anos escollen esta senda e Baiona como punto de partida como opción principal para realizar a peregrinación a Santiago. Mesmo existen axencias especializadas no camiño de santiago que ofrecen como destino de partida a Real Vila”, destacou Rodal.

 

Xa son varias as axencias de viaxes que apostan por Baiona como punto de partida para o inicio da peregrinación a Santiago.

Deja un comentario