+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BENÍTEZ ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE PRETO DE MÁIS DE 170.000 EUROS PARA MELLORAR A ANTIGA ESTRADA PROVINCIAL EP-4006 EN AS NEVES


O deputado e o xefe de servizo de Mobilidade reuníronse hoxe co alcalde Xosé Manuel Rodríguez e a veciñanza da zona para explicar a actuación

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Deputación realizará un investimento de máis de 170.000 euros para mellorar a mobilidade peonil na antiga estrada provincial EP-4006 ao seu paso pola parroquia de Tortoreos no concello de As Neves. O responsable provincial, xunto ao xefe de servizo de Mobilidade, reuniuse hoxe co alcalde Xosé Manuel Rodríguez e a veciñanza da zona para explicar o proxecto de actuación, que inclúe unha nova senda peonil de 800 metros de lonxitude e 2,5 metros de largo e redutores de velocidade para calmar o tráfico.
O deputado Benítez destacou que a actuación no treito vello da estrada provincial foi unha solicitude do alcalde de As Neves que ten como obxectivo facilitar o tránsito dos moitos alumnos e alumnas que camiñan pola vía para chegar aos centros de ensino secundario da zona en condicións de seguranza viaria. Deste xeito, o novo proxecto aproveitará a sección actual da vía e tamén as cunetas para deixar a mencionada senda e un carril de circulación que terá sentido ascendente entre o barrio do Ravelo e a glorieta. Ademais, instalaranse medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados que permitirán dar prioridade ás persoas que se trasladen camiñando e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos, que obrigarán a frear aos condutores.
A obra ten un orzamento de licitación, segundo explicou Uxío Benítez, de máis de 171.000 euros. Foi redactada polo persoal técnico do departamento provincial de Mobilidade e está xa no departamento Contratación para a súa licitación, o que supón que se non existen complicacións administrativas poderían comezarse os traballos neste mesmo ano. Unha vez a mellora estea realizada, este treito da vía de 800 metros será transferida ao concello para o seu mantemento.
Segundo lembrou Benítez ao presentar o proxecto á veciñanza, un dos obxectivos do novo goberno da Deputación de Pontevedra é desenvolver unha mobilidade sustentábel que priorice a seguranza e a mobilidade peonil en calquera estrada. O deputado explicou que plantexou un cambio de filosofía que mudou as prioridades nos proxectos, poñendo o foco nas persoas e apostando por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.
O nacionalista tamén subliñou que o proxecto supón unha actuación acorde aos novos criterios que ten a Deputación para as estradas provinciais, polo que haberá calmado de tráfico, garantindo que os vehículos vaian a 30 quilómetros por hora grazas a redutores físicos de velocidade e no que se vai garantir tamén un itinerario peonil “moi digno” están a marcar en todos os proxectos provinciais.

Pola súa banda, o alcalde de As Neves agradeceu ao deputado a visita a As Neves e a explicación do proxecto á veciñanza, así como o financiamento para executar as obras de forma inminente. Subliñou que a mellora desta estrada suporá facilitar o desprazamento da rapazada que diariamente vai camiñando ao centro de FP.

Deja un comentario