+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

CUBELA PROMOVE A CREACIÓN DUN CORDÓN DE PROTECCIÓN ANTE OS LUMES FORESTAIS EN PARADA DE TENORIO


Trátase dun vial da contorna de Coto de Rodelas que está situado entre o río Lérez e a aldea e polo que avanzan os incendios desde Gargallóns

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a promover a creación dun cordón de protección e seguridade de grandes dimensións ante os lumes forestais na contorna de Parada de Tenorio, un lugar que leva moitos anos consecutivos afectado polos incendios e no que incluso houbo que evacuar as vivendas durante a vaga de outubro de 2017.

Por este motivo, o presidente municipal, Jorge Cubela, acaba de remitir un oficio á Consellería de Medio Rural para que proceda á inmediata apertura dunha pista forestal que bordea a esta aldea co obxectivo de deixala transitable e libre de maleza nunha anchura considerable para que exerza de barreira e cortalumes e impida que un posible incendio poida chegar de novo ata as vivendas de Parada de Tenorio.

En concreto, trátase dun vial inutilizado pertencente ao espazo de Coto de Rodelas e que bordea case por completo a esta poboada aldea desde o río Lérez, polo que podería exercer á perfección de cordón de protección para as casas e o lugar. Ademais, o emprazamento desta pista forestal é moi axeitado para conter as lapas, xa que as mesmas adoitan a chegar sempre ata Parada de Tenorio desde o lugar de Gargallóns, na parroquia de Fragas (Campo Lameiro), pola configuración orográfica do terreo e os ventos.

“Estamos a facer todos os esforzos inimaxinables para a prevención dos lumes forestais, xa que non queremos baixo ningún concepto que se repitan os danos do ano 2016 e, en menor medida, do 2017. O único que nos move é protexer as vidas dos nosos veciños, as vivendas e as aldeas, os montes e o noso rico medio ambiente”, explicou Cubela.

O presidente municipal concretou que a creación deste cordón de protección en Parada de Tenorio “é unha máis das moitas medidas que temos en marcha e que está pensada especificamente para un lugar moi afectado por esta lacra” e engadiu que o goberno local “ten un amplo e recente estudo de todo o territorio, con mapas concretos das franxas de protección de todos os lugares, algo que non ten ningún concello e que nos permite plantexar solucións antilumes deseñadas individualmente para cada aldea ou contorna”.

Deja un comentario