+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

PONTE CALDELAS ABRE O PROCESO PARA REMATAR A CONTRATACIÓN DOS SOCORRISTAS PARA A PRAIA DA CALZADA


Despois de contratar a dous a través dos Servizos Públicos de Emprego abre un prazo de 5 días para a selección do terceiro

A contratación dos tres socorristas que prestarán servizo na praia fluvial da Calzada, distinguida coa bandeira azul, durante este verán culminará esta semana próxima. O Concello de Ponte Caldelas, que xa conta con dous profesionais a través dos Servizos Públicos de Emprego, abre o prazo de presentación de solicitudes durante 5 días hábiles (de luns a venres) para a selección do terceiro.
A Oferta Pública de Emprego temporal establece como requisitos a esixir contar coa titulación de socorrista acuático e estar inscrito/a no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
As persoas interesadas deben presentarse no Concello en horario de 9 a 14 horas para encher o formulario de solicitudes e presentar a documentación necesaria. Pode consultarse xa previamente na sede electrónica e no taboleiro de anuncios municipal.
Ponte Caldelas amplía este ano o período de contratación a tres meses e os oito días de vacacións (vixencia entre o 15 de xuño e o 22 de setembro), co que agarda superar as dificultades xurdidas o ano pasado neste e en moitos concellos galegos. O salario asignado é o correspondente ao convenio de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia.
A día de hoxe varias persoas que, por diversas circunstancias, non podían concorrer á selección a través da oficina de emprego xa teñen manifestado o seu interese por esta terceira praza que adxudica directamente o Concello, polo que o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) mantén certo optimismo, aínda que tamén moita prudencia diante das dificultades do último verán.

Deja un comentario