+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

A INSUA QUECE MOTORES PARA A CELEBRACIÓN DA IV XUNTANZA FOLK “FOLLAS DE OLIVAR”


O certame, que contará con numerosas actuacións, inclúe tamén a novidade dun obradoiro de construción dun pandeiro

A música tradicional, que sempre é protagonista na Insua (Ponte Caldelas) soará durante toda a xornada do próximo sábado, 9 de xuño, na explanada da Carreira Ancha coa celebración da IV Xuntanza Folk “Follas de Olivar”, que organiza o grupo de Os Xeitosos da Insua coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas e a asociación de veciños.
O programa, que inclúe unha ducia de actuacións musicais, chega este ano co reforzo dun obradoiro de construción de pandeiros a cargo do “luthier” de Ponte Sampaio, Alberto Pires. As persoas interesadas en participar deben inscribirse no teléfono 652 572 444.
O “Follas de Olivar” foi presentado no Concello polo alcalde, Andrés Díaz, e varios concelleiros do Goberno local formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG. Pola organización asistiron Emilio Baqueiro (“o Crego”) e Julio Darriba. Ambos subliñaron o crecemento que a xuntanza está a ter e recalcaron que xa o ano pasado experimentou unha afluencia masiva. Nesta ocasión xa teñen confirmada a presenza de grupos de xente, mesmo algúns organizados con reservas de mesas para comer, e agardan volver a ver amigos e amigas chegados dende diferentes puntos da provincia e de Galicia.
Ademais de música, haberá moita comida, dado que instalaranse postos de churrasco, xamón asado con patacas, empanada, tortilla, polbo á feira e bica. Tamén unha feira de artesanía, incluíndo venda de instrumentos musicais.
O programa arranca ao mediodía coas actuacións, antes de xantar, de Nos Tamén Imos e @s RE-torcid@s. O obradoiro de Alberto Pires comeza ás 16 horas. Xa pola tardiña chegará o momento de escoitar a Cé orquestra pantasma, o grupo de baile de Soutomaior, Os Xeitosos da Insua, coro tradicional Cantares do Brión, os Folieiros de Lavadores e Tr3s por C4tro. Non faltarán os voluntarios/as que adoitan unirse e tocar as súas pezas no “Follas de Olivar”.
O festival, que toma o seu nome da muiñeira tradicional, é todo un encontro da música popular galega cun formato distinto no que se mestura o ambiente dunha romaría cun certame de música. Tanto é así que na súa breve historia tense convertido xa en toda unha referencia.

Deja un comentario