+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA SUBLIÑA QUE O SÉCULO XXI É A ÉPOCA DA RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO PARA OS CIDADÁNS NA INAUGURACIÓN DA PRAZA DE GALICIA EN VILAGARCÍA


A Presidenta da Deputación de Pontevedra encomiou a actuación do concello que mestura auga e espazo verde no centro na capital arousán

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que o século vinte e un ten que ser a época de recuperación dos espazos públicos para o desfrute da cidadanía. Silva acompañada do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, inaugurou as obras de remodelación da Praza de Galicia e a exposición que fai un percorrido pola historia deste lugar da capital arousán.

Carmela Silva asegurou que é necesario que neste século “construír pobos e cidades para as persoas o contrario o que aconteceu no século XX onde as catro rodas eran o prioritario”. A Presidenta da Deputación encomiou a decisión do alcalde de vilagarcián de actuar “nun espazo emblemático de Vilagarcía. Un espazo que fala da historia de Vilagarcía porque é moi importante que os pobos non esquezan a súa historia, a boa e a mala. É moi importante que as xeracións vindeiras coñezan como foi a súa cidade”.

A Presidenta salientou a actuación feita na praza de Galicia onde se conxugan a auga e os espazo verdes “xa que cumpre cunha recuperación dun espazo para o século XXI”. A este fío, Silva recordou que o pasado xoves estivo en Córdoba, na presentación do destino turístico de Rías Baixas, e poido comprobar como os romanos e os árabes xa empregaban séculos atrás a auga e o verde nos espazos públicos para os cidadáns. “Temos que tomar exemplo do que os romanos e os árabes facían nos espazos públicos para os seus cidadáns onde a auga e as plantas eran fundamentais”.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela volveu a agradecer a Carmela Silva o cambio do sistema “caciquil” de antes na Deputación a novo sistema onde canda concello decide onde quere investir as axudas da institución provincial “Só alguén que ven do municipalismo, que ten responsabilidades nos concellos, ten a sensibilidade para cambiar o sistema na Deputación de Pontevedra”.

Ao respecto da nova praza de Galicia o alcalde vilagarcián subliñou que o seu equipo de goberno apostou dende o primeiro momento por un modelo de cidade para os veciños e as veciñas, “un modelo que non tiñamos que haber perdido”. Alberto Varela coincidiu coa Presidenta da Deputación ao recoñecer que “houbo unha época os coches eran a modernidade pero agora teñen que ser os cidadáns”.

A obra de remodelación da Praza de Galicia contou cun orzamento de 353.393 euros que o concello de Vilagarcía adicou do Plan Concellos da Deputación. É un proxecto do arquitecto Mario Vázquez que recupera o espazo público para o uso dos peóns e a súa antiga configuración co paso dun regato de auga que viña dende a que hoxe é a rúa Rei Daviña, coñecida antigamente como rúa do Rio.

Ademais, o deseño contempla a recreación dunha zona de alameda onde se plantan especies arbóreas que achegan frescor e cor verde a unha praza na que dominaba o gris da pedra. Polo demais, construíuse unha especie de canle, reproducindo o antigo rio, que cumprirán unha dobre función: en tempada seca servirán para refrescar o ambiente e en época de choivas axudarán a evitar inundacións. A obra tamén supuxo a renovación de todas as canalizacións subterráneas que atravesan a praza e a dotación de mobiliario urbano.

O concello de Vilagarcía conta neste 2018 con case dous millóns e medio de euros dentro do Plan Concellos o que supón máis dun setenta por cento do disposto no pasado exercicio de 2017. Así no que vai de mandato a Deputación de Pontevedra investiu na cidade de Vilagarcía máis de 5,3 millóns de euros só a través das liñas do Plan Concellos.

Deja un comentario