+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PRETO DE 800 PERSOAS PARTICIPAN DURANTE ESTA FIN DE SEMANA NAS EXCURSIÓNS DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO”


 

Veciñas e veciños de 10 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico

O programa “En Ruta coa Depo” organiza esta fin de semana 12 novas excursións na que participan 736 persoas de 10 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 88 persoas da Sociedade Cultural Recreativa de Calvos e do Colexio Nuestra Señora de Fátima Cristo y Rey Esclavas de la Virgen de la Dolorosa visitarán o conxunto histórico de Cangas, igrexa do Hío, miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home; Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres O Abeiro farán unha ruta por Lalín, na que poderán coñecer o Museo Municipal Ramón María Aller, o pazo de Liñares, o Museo Galego da Marioneta e Casa do Patrón.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Barcia e da Asociación de Mulleres San Martiño de Rellas visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Por outra banda, 54 persoas da Asociación Social e Cultural Cedeira coñecerán Cambados, a cidade Europea do Viño. Na ruta visitarán o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico de Cambados, adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e Museo Muíño de Mareas da Seca.

Tamén, 108 persoas pertencentes a Asociación Mulleres Poza da Moura poderán coñecer o conxunto histórico de Salvaterra de Miño e parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

No caso da AMPA “Agarimo” Colegio Atalaya Cantabria de Vigo, 54 persoas visitarán o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, en Campo Lameiro; as fervenzas de Raxoi e Pedrafita, área recreativa e praia fluvial de Ponte Valga, en Valga.

Pola súa banda, 54 persoas da Asociación Veciñal As Nosas Ruas achegaranse ata o Castro de Santa Tegra, na Guarda; o Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); o conxunto histórico, o monte Aloia e Alto dos Cubos, en Tui.

Tamén, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa poderán coñecer o Castelo de Sobroso; Mondariz-Balneario; petróglifos de Gargamala, en Mondariz, e castro de Troña, en Ponteareas.

Por outra banda, 54 persoas da Asociación de Veciños Santa María de Pazos visitarán a illa da Toxa, desfrutarán dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

E xa por último, 108 persoas de AFAMO Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo farán a ruta polo concello de Meis. Os participantes poderán coñecer o mosteiro da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.

Deja un comentario