+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

PONTE CALDELAS RECREA O AMBIENTE FLAMENCO COA I FESTA SEVILLANA


Máis de 200 persoas participaron nun evento que incluíu unha cea, actuacións musicais e moito baile

A primeira edición da Festa Sevillana de Ponte Caldelas celebrouse nun ambiente de diversión que se prolongou ata ben entrada a madrugada. Máis de 200 persoas chegadas fundamentalmente de Vigo, pero tamén de Pontevedra, xunto cos veciños e veciñas da localidade puxeron en marcha un evento que xa ten garantida a súa continuidade.
A Festa Sevillana naceu da inquedanza do grupo local “Aires del Norte y Olé”, que contactou coa Casa de Andalucía de Vigo para a organización do evento. Despois dun primeiro intento frustrado o pasado mes de outubro, cando a cita quedou cancelada por ter coincidido coa vaga de lumes, onte acabou celebrándose cun rotundo éxito.
O alcalde, Andrés Díaz, foi o encargado de cortar a cinta inaugural e abrir a carpa instalada na Alameda, perfectamente acondicionada para a ocasión. Nunha breve intervención agradeceu a presencia dos visitantes e destacou que Ponte Caldelas está sempre aberta e disposta a reforzar a súa promoción turística con todo tipo de eventos. Ademais agradeceu a organización, a cargo de “Aires del Norte y Olé”. A presidenta da Casa de Andalucía de Vigo, Josefa Villar, subliñou a excelente organización o bo ambiente e a disposición a seguir colaborando en próximas edicións.
A noite incluíu as actuacións do Coro Rociero, así como os grupos de baile Secretos del Sur e Alma Flamenca, que amenizaron a cea. Ao remate o público participou nunha sesión de sevillanas ata ben pasadas as dúas da madrugada.

Deja un comentario