+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

NAVA CASTRO PARTICIPA NO CORPUS DE PONTEAREAS, UNHA DAS NOVE FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL COAS QUE CONTA GALICIA


A directora de Turismo de Galicia asistiu aos actos desta celebración, que enche de cor as rúas desta localidade de Pontevedra coas súas alfombras florais
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nos actos do Corpus Christi de Ponteareas, unha das nove festas de Interese Turístico Internacional coas que conta a Comunidade. Nesta xornada, as rúas deste concello pontevedrés énchense de cor coas alfombras florais realizadas durante toda a noite polos seus veciños despois dun intenso traballo de preparación nas últimas semanas.

Nava Castro asistiu aos actos convocados na Casa do Concello así como á misa e posterior procesión. Trátase dunha celebración que conta co respaldo da Xunta de Galicia, que esta mesma semana asinou un convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello polo que o Goberno autonómico achega 40.000 euros destinados á distintas accións de loxística, promoción e dinamización en beneficio dos veciños e dos milleiros de visitantes que se achegan nesta xornada a Ponteareas e ao novo xeodestino Condado-A Paradanta.

As alfombras florais son un referente internacional e a súa tradición é unha das máis antigas do mundo, que contan cun importante arraigo en Galicia. De feito, entre as festividades máis sobranceiras destacan, xunto a Ponteareas, as de Redondela, Ares e Bueu, todas elas declaradas de Interese Turístico de Galicia. Constitúen unha notable mostra do patrimonio inmaterial que está a ser impulsado pola Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta deseñada hai uno ano pola Xunta e o sector para afondar nun destino de calidade.

141 festas de interese turístico
A Comunidade conta na actualidade con 141 festas repartidas por todo o seu territorio que gozan dalgún tipo de interese turístico. En concreto, nove son de Interese Turístico Internacional, 12 de Interese Turístico Nacional e 120 de Interese Turístico de Galicia.

Deja un comentario