+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

A SUBIDA A PONTE CALDELAS CAMBIA ESTE ANO DE TRAZADO E OPTA POLA ESTRADA DE REBORDELO


O Concello recupera un percorrido moi automobilístico diante das obras que se están a realizar na estrada de Laxoso no lugar de Portasouto

O Concello de Ponte Caldelas e a escudería Buxa Motor pecharon o deseño da terceira edición da Subida a Ponte Caldelas, proba puntuable para o Campionato Galego de Montaña e que se celebrará durante a fin de semana do 4 e 5 de agosto. A principal novidade deste ano é o cambio do trazado, que terá como punto central o pobo de Rebordelo, recuperando así todo un clásico, pois este percorrido xa formou parte do Rally do Albariño e do Rally Rías Baixas.
O trazado, con 4,2 Km, é máis longo que o utilizado ata o de agora na estrada autonómica de Laxoso (3,7 Km) e tamén conta con características diferentes, pois a calzada é máis ancha e dispón de mellor asfalto configurando, en xeral, un paso máis rápido dos vehículos. A saída estará na estrada autonómica PO-244 (sentido Soutomaior) para xirar pola vía provincial cara Rebordelo e, unha vez superado o pobo, volverá xirar á esquerda pola pista municipal que vai á Esfarrapada, onde se sitúa a meta.
Un percorrido que combina curvas moi pechadas con outras rápidas, ademais da longa recta de Rebordelo, onde se instalará unha “chicane”, como xa é típico en Ponte Caldelas para reducir a velocidade e potenciar o espectáculo. A de Ponte Caldelas é a única proba do calendario que inclúe este elemento tan automobilístico.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que o cambio de trazado débese ás obras de acondicionamento que a Consellería de Infraestruturas está a realizar na zona de Portasouto, onde finalizaba a proba. Ademais, o Goberno local opta polo cambio de trazado diante da posibilidade de que as obras nesta estrada autonómica, de acordo co comprometido reiteradamente pola Xunta, continúen ata Ponte Caldelas.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que Ponte Caldelas ten a sorte de ter cando menos dous trazados dispoñibles e recalca que o deste ano soluciona tamén varios problemas, entre eles a accesibilidade para os espectadores ao trazado, así como a mobilidade dos residentes na zona. O Concello cortará o tráfico entre a rotonda de Pazos e a saída da estrada vella do Balneario. Nesta zona situarase toda a montaxe de saída. A veciñanza de Rebordelo terá resolta a súa mobilidade a través da estrada que conduce á capela da Saúde, onde se recomendará que deixen estacionados os vehículos o día antes.
Non obstante, este cambio non significa que o novo trazado sexa definitivo porque, unha vez que se acometan e rematen as obras da estrada de Laxoso, onde a proba é moi valorada, podería retornar. A decisión está por tomar.
A elección de Rebordelo permite tamén manter a aposta pola seguridade pola abundancia de zonas elevadas e seguras para presenciar o paso dos competidores. Ademais, facilita a chegada a case todas as zonas da carreira. O Concello vai recomendar o uso do aparcamento da capela da Saúde (situado case a metade de trazado) para o público que queira acceder en coche.
A homenaxe deste ano será para o piloto José Luis Santos, triplo gañador do Galego de Montaña entre os anos 1994 e 1996.
A Subida de Ponte Caldelas ten merecido o cualificativo por varios dos pilotos máis significados de a mellor proba do Campionato Galego de Montaña. Nas dúas citas celebradas logrou a asistencia duns 7.000 espectadores, converténdose así nunha referencia.

Deja un comentario