+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DA ‘ESTRADA DE PONTE’, MÁIS PRETO


O deputado de Mobilidade anunciou hoxe que este venres se asinará o convenio de colaboración entre Deputación e Concello

Os traballos de mellora, valorados en case 600.000 euros, poderán iniciarse este ano se os trámites administrativos o permiten

A Deputación e o Concello de Silleda asinarán este venres o convenio de colaboración para facer realidade o proxecto de ‘Mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6518 entre Silleda e Ponte’ á altura do novo centro de día. Esta actuación de urbanización, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, será contratada de xeito inmediato unha vez se formalice o acordo entre ambas administracións cun orzamento total de 594.320,42 € e, se todos os trámites saen segundo o previsto, iniciarase neste mesmo ano.

Segundo indicou Benítez, a actuación xorde da petición do alcalde de Silleda, que marcou como prioritaria unha actuación na zona para dar continuidade peonil ata o centro da vila ás persoas usuarias do futuro centro de día. O departamento de Mobilidade apostou por encaixar a petición dentro da súa Estratexia de Mobildade 3.0, priorizando as necesidades dos sectores máis vulnerables (os peóns primeiro), fomentando o calmado de tráfico e a creación dun espazo peonil continuo de seguranza viaria con beirarrúas de rasantes continuas, un largo mínimo de 2,5 metros e criterios de accesibilidade universal.

A proposta, segundo o deputado Benítez, consiste na actuación nun tramo de 441 metros dende a intersección coa rúa Feira Internacional de Galicia, correspondente co punto quilométrico 0+435 ata a contorna da intersección coa PO-205 no PQ 0+876. O proxecto supón a transformación dunha vía que na actualidade é eminentemente rodada.

Construirase un novo sendeiro arredor do centro de día para permitir o paseo das persoas usuarias, o que suporá a conexión peonil co centro urbano á mesma vez que mellora a zona como un parque de gran dimensión. O proxecto xoga con distintos materiais e texturas para conseguir unha diferenciación lóxica do espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos.

Ademais, e dados os condicionantes físicos propios do lugar, no proxecto contémplase unha meseta elevada, como zona de convivencia con prioridade peonil e redución especial de velocidade dos vehículos ata 30 quilómetros hora con carácter de praza urbana. Finalmente, o proxecto inclúe melloras en diversos servizos urbanos como alumeado público, saneamento e abastecemento, soterramento de liñas eléctricas, xardinería e mobiliario urbano.

 

O importe dos traballos ó que se refire a presente actuación ascende a 594.320,42 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aportará 416.024,29 euros (o 70%) e o Concello de Silleda 178.296,13 euros (o 30%).

Deja un comentario