+034 986 09 02 04 Mércores 26 de Setembro de 2018

ABERTO O PRAZO DO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN GRATUÍTO QUE OFRECE O CONCELLO DE BAIONA


 

O Concello de Baiona abriu o prazo para inscribirse no campamento urbano que se celebrará nos meses de xullo e agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a menores de 5 a 11 anos. A adxudicación das prazas será por sorteo.

A Concellería de Cultura e Mocidade de Baiona organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre os nenos empadroados e os nenos que teñen no noso concello a súa segunda residencia.

Para a celebración das actividades establécense dúas quendas: do 16 ao 31 de xullo (excepto e 25 de xullo, por ser festivo) e 1 ao 14 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e haberá 30 prazas por quenda.

Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá xogos de cooperación, visitas á Carabela Pinta e a Virxe da Roca, realizarán un tramo do Camiño pola Costa, unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.

Os participantes deben ter entre 5 e 11 anos e unicamente optará a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns) e as persoas interesadas deberán recoller o formulario de solicitude na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do 5 ao 16 de xuño de 2017, e entregalo no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede electrónica do Concello de Baiona ( baiona. sedelectronica. gal), xunto coa fotocopia do DNI ou libro de familia.

A adxudicación de prazas realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 25 de xuño de 2017 no Salón de Plenos do Concello ás 13:30 horas e con anterioridade ao sorteo, publicarase a lista de admitidos ou excluídos na web do concello (www.baiona.org).

 

Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir.

Máis información na OMIX, ou no teléfono 986385925, ou en xuventude@baiona.org

Deja un comentario