+034 986 09 02 04 Martes 19 de Xaneiro de 2021

CORENTA E CINCO FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO DAS CATRO PROVINCIAS GALEGAS MOSTRARÁN O SEU ATRACTIVO NA FEIRA FESTUR 2018


ESTAS CELEBRACIÓNS, QUE SUPOÑEN UN 25% MÁIS QUE NA PASADA EDICIÓN, REALÍZANSE EN 35 CONCELLOS DIFERENTES, OS CALES ESTÁN PRESENTES NA ÁREA EXPOSITIVA

A V Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2018, a cal se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 41ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará do 7 ao 10 de xuño coa participación de 45 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento. Estas supoñen un 25% máis que en 2017, cando foran 36.

Estas festas celébranse en 35 concellos, os cales estarán presentes na área expositiva a través de stands nos que amosarán material relativo e informarán aos visitantes. Ademais, moitas delas levarán a cabo distintas actividades durante a feira, como degustacións e exhibicións, en función do seu carácter.

As festas gastronómicas que realizarán degustacións en distintos momentos do certame serán a do Pan de Cea, de San Cristovo de Cea; Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro; Empanada de Bandeira e Tortilla de Laro, ambas de Silleda; do Xamón, de A Cañiza; do Bonito, de Burela; do Carneiro ao Espeto, de Moraña; do Lacón con Grelos, de Cuntis; da Festa da Castaña, de Folgoso do Courel; do Pan, de Neda; e das festas do Polbo, de Mugardos e de O Carballiño.

Outras celebracións levarán a cabo vistosas representacións e exhibicións, como a da Olería de Buño, de Malpica de Bergantiños; Mostra do Encaixe, de Camariñas; Filandón de Músicas, de O Courel e de dúas romarías, a Vikinga, de Catoira, e a da Saínza de Rairiz de Veiga. Tamén se realizará algunha mostra do Entroido dos Xenerais do Ulla, que se celebra en cinco dos concellos presentes, Boqueixón, Silleda, A Estrada, Vedra e Vila de Cruces.

As restantes festas participantes en Festur 2018, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, mostrarán as súas particularidades nos seus stands. Serán as da Rapa das Bestas e Festa do Salmón, de A Estrada; do Pemento, de Arnoia e de Padrón; as feiras do Cocido, de Lalín, e de Santos, de Monterroso; o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira; o Entroido de Vilariño de Conso; Festa da Filloa de Lestedo, de Boqueixón; do Galo de Curral de Vila de Cruces; Romaría de Santo Hadrián de Malpica de Bergantiños; a Semana Santa de Viveiro; O Naufraxio, de Laxe; O Corpus de Ponteareas; a Festa do Percebe do Roncudo, de Ponteceso; a Xuntanza Internacional de Gaiteiros, de Monterrei: a Festa da Istoria e do Viño do Ribeiro, de Ribadavia, e as Festas Patronais de San Roque, a Feira Franca Medieval e a Semana Santa, as tres de Betanzos. Tamén se promocionarán a Festa de Xesús Nazareno, de A Pobra do Caramiñal; da Virxe de Guadalupe, de Rianxo; da Dorna, de Ribeira, e a Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro, todos eles representados pola Mancomunidade Arousa Norte.

Outras degustacións e actuacións

Ademais destas festas recoñecidas como de interese turístico, Festur acollerá degustacións doutras celebracións pertencentes a concellos participantes na feira, como a Festa da Paella de Cortegada, a do Lacón, a dos Callos Anxemil-Martixe e a do Porco, todas elas de Silleda.

A estas sumaranse outras actividades promovidas polos municipios presentes, entre elas as catas de produtos gastronómicos do Val do Ulla, de A Estrada, de Vilariño de Conso e de Arousa Norte, ademais das de produtos Petroni de Padrón e de Rosquillas de Abades, de Silleda. Tamén se levarán a cabo exhibicións como a da Feira Medieval de Padrón e actuacións como as do grupo “Gaiteiros da Pereiriña”, de Silleda, e da Gaiteira Liana Sharisian, de Monterrei.

Deja un comentario