+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

OS EFECTOS DO “MULCHING” PARA FREAR A EROSIÓN DÉIXANSE SENTIR NO BARRANCO DO RÍO VERDUGO


O Concello de Ponte Caldelas critica a “esmola” que a Xunta de Galicia anuncia para os concellos afectados polos lumes

O Concello de Ponte Caldelas segue a constatar os efectos positivos da campaña de acolchamento con palla (técnica “mulching”) realizada durante o pasado mes de novembro para combater os efectos dos incendios forestais do 15 de outubro e previr así a erosión en diversas zonas do municipio.
Aproveitando a xornada do Día Mundial do Medio Ambiente, que hoxe se celebra, danse a coñecer as imaxes do tratamento realizado nas fortes pendentes do barranco do Verdugo, moi preto das famosas fervenzas da Roca, na beira correspondente ao lugar de Parada.
Durante as xornadas de voluntariado ambiental celebradas o pasado mes de novembro incluíuse esta área polo seu valor paisaxístico e tamén polo dano que a erosión podía facer nas zonas de escorrenta, que verten directamente ao río Verdugo. Por este motivo seleccionáronse tres cordóns de drenaxe natural para o seu tratamento con palla. Sete meses despois os resultados son concluíntes porque recuperaron o substrato vexetal mentres que o resto da ladeira segue cuberta de cinzas.
Este espazo natural fluvial é tamén unha mostra perfecta do distinto efecto que o lume ten sobre as especies pirófitas (nesta área cunha marcada presencia das acacias) e a vexetación autóctona, que foi a que sobreviviu, fundamentalmente, ao paso das lapas.
Estes resultados súmanse aos que tamén se están a observar polo Concello e as comunidades de montes noutras zonas tratadas como A Insua, Silvoso, Regodobargo, Barbudo ou Chaín, con distintas tipoloxías de solo.
O Goberno local caldelán (formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG) adquiriu e esparexeu un total de 30 toneladas de palla e unha tonelada de graos de centeo no que deu en chamar “operación mulching”. Os lugares tratados foron elixidos con asesoramento técnico contratado polo Concello. O operativo tamén contou coa implicación e colaboración das comunidades de montes do municipio, así como dun grupo de veciños tractoristas, que fixeron posible o traslado gratuíto das pacas de palla ao monte. A operación de voluntariado permitiu actuar, durante tres fins de semana consecutivas, sobre unhas 30 Hectáreas do terreo máis sensible das aproximadamente 2.900 Hectáreas queimadas o 15 de outubro.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca o orgullo de ter afrontado a crise dos lumes tomando a iniciativa, aínda que iso teña suposto importantes gastos para a economía municipal. Por iso, conclúe, resulta “ridículo” o anuncio da Xunta de Galicia de que vai repartir 330.000 euros entre 17 concellos afectados en toda a provincia. “Xa non entro en que parece que colaron algún municipio do PP cunha afectación case simbólica”, “o importante é que parece que nos van dar unha esmoliña, iso si, desviando a pelota ao Goberno central, ata agora ausente, porque como xa non goberna o PP en Madrid xa poden ser esixentes”.

Deja un comentario