+034 986 09 02 04 Mércores 26 de Setembro de 2018

A FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA SEGUE A MEDRAR COA PARTICIPACIÓN DE 710 EXPOSITORES E A CELEBRACIÓN DE 200 ACTIVIDADES


ESTE GRAN CERTAME DE MOSTRAS E OCIO ABRE MAÑÁ AS PORTAS DA SÚA 41ª EDICIÓN NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

A 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as súas portas coa presenza de 710 expositores directos, un 11,4% máis que en 2017, cando foran 637. A este total de expositores directos súmanse 331 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 20 países.

Nesta cifra de expositores directos destaca un incremento de empresas estranxeiras, cun 54% máis, entre as que sobresaen as portuguesas, cun 61% máis. Así mesmo, aumentou considerablemente a presenza de empresas doutras Comunidades, un 49%, o que supón o principio dunha presenza crecente de novas Comunidades e Deputacións na que destacada este ano a notable participación da Junta de Andalucía e a Deputación de Burgos e que continuará con entidades coas que xa se manteñen xestións avanzadas de cara a 2019.

En canto á superficie neta ocupada polos expositores, ascende a 17.812 metros cadrados, o que supón un crecemento do 14,5% respecto á pasada edición, cando foran 15.552 metros cadrados. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, amplíase tamén nun 14%, xa que o ano pasaron empregáronse 77.930 metros cadrados e este 89.173 metros cadrados.

A feira volverá a destacar pola súa diversidade, xa que ademais destes certames paralelos, centrados en alimentación, caza, pesca e natureza e turismo, contará con numerosos sectores que van dende gandería, biomasa, mascotas, xardinería ou pequena maquinaria e ferramentas ata decoración, mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un proxecto que nesta edición incorporou unha área centrada nos vehículos de ocasión e ao que están vinculadas, e presentes, grandes empresas privadas como Abanca, que vén de renovar o seu acordo coa Fundación Semana Verde, Vegalsa-Eroski, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés, Decathlon, Stihl e, por primeira vez este ano, Ikea e MediaMarkt.

Á esta gran exposición únese un intenso programa con 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame, e que tamén se amplían, xa que o ano pasado foran máis de 180.

Con todo isto a 41ª Abanca Semana Verde de Galicia, que será inaugurada mañá ás 16.30 horas, volve a converterse no gran certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, ao cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por noveno ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 3€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.

Nesta edición o certame incorpora un servizo gratuíto de autobuses dende Santiago de Compostela. Será de venres a domingo e os seus horarios e lugar de saída están dispoñibles na web da feira, www.semanaverde.es

Catro certames paralelos e 200 actividades
O 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2018, converterase un ano máis nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), volverán a contribuír á internacionalización das empresas a través de reunións de negocio con 27 importadores e distribuidores de 15 países, o que supón un 12,5% máis de compradores e un 50% máis de países presentes, entre os que estarán por primeira vez Kazaxistán e Emiratos Árabes.

A súa área Alinova dará relevancia aos produtos innovadores, estando presentes 90 alimentos de gran orixinalidade (un 50% máis que en 2017), como bombóns de morcilla, xelatina de queimada, un aceite colleitado baixo a lúa chea ou snacks ecolóxicos de remolacha. No seu programa incluiranse ademais numerosas catas, degustacións, masterclass e showcookings, como dos cociñeiros do Grupo Nove, ademais de talleres, actividades didácticas ou o IV Encontro Gastroblogger.

En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras entidades do sector, inclúe entre os seus expositores armerías, cetrería, criadores de cans, vehículos, equipamento para caza e pesca, federacións ou medio ambiente. O programa desta quinta edición destacará polo atractivo da súas propostas, con novidades como a Exposición de Criadores de Elite de Cans de Caza de Galicia, o I Concurso Monográfico da Asociación Española das razas caninas Grifón Vendeano e Nivernés ou cursos de adestramento de cans de mostra, ademais de montaxes para pesca ou talleres para escolares sobre biodiversidade na historia ou trucos para educar un can.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 35 concellos que promocionarán 45 festas de interese turístico das catro provincias galegas (un 25% máis que en 2017). Na súa vertente profesional incluirase o II Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, a cal contará con 44 turoperadors de 12 países. Entre as propostas para o público xeral terán protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de interese turístico presentes en Festur.

As actividades caninas e ecuestres serán moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras de exhibicións de dog frisbee e cans de raza Rottweiler, de probas oficiais da Liga Autonómica de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacará o VI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, que incluirá unha das tres probas en España dunha liga internacional amateur, e tamén exhibicións de horseball e propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como un morfolóxico ou demostracións de ferraxe a lume.

A área de gandería tamén ofrecerá un completo programa centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebrarán varios concursos morfolóxicos e o I Concurso Nacional de Manexadores de Porco Celta. Ademais haberá unha exposición da raza Rubia Galega e outra de bois das razas Minhota, Alistana-Sanabresa, Maronesa e Barroça.

O programa completarase con outras actividades de gran interese, como espectáculos de motor a cargo de Narcís Roca e Ángel Campos, unha exposición de dinosauros animatronics, o I Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, a IV Carreira Popular, a xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti o realización de esculturas en madeira. Sumaranse a elas unha mesa redonda da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia ou xornadas como o XXII Monográfico de Gando Porcino e a Xornada Internacional do Proxecto Sudoe Agrosmartcoop, cuxo obxectivo é crear un espazo para a promoción, interconexión e interacción intelixente de apoio ás cooperativas agroalimentarias do suroeste europeo.

En total serán en torno a 200 actividades distintas que conformarán un programa para todos os públicos e con numerosas novidades.

Deja un comentario