+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

XOSÉ LEAL: “O DE SANXENXO NON É UNHA CUESTIÓN DE GRAFÍA, É UNHA CUESTIÓN DE RESPECTO”


O deputado de Cultura e Lingua considera escandaloso que a RAE recomende formas de uso dun topónimo “fóra de usos oficiais”
“Non é unha cuestión de grafía nin de adaptación grafonolóxica dunha palabra, é unha cuestión de respecto cara o propio idioma e cara os fundamentos da propia RAE, que é a primeira institución que debe rexerse polos usos oficiais dun topónimo, sexa do lugar do Estado que sexa, e defender a súa forma oficial e preservala e recomendala” asegurou esta mañá o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto da polémica xurdida ao redor do topónimo Sanxenxo e o tweet da RAE recomendando unha grafía incorrecta ‘fora de usos oficiais’.
O deputado nacionalista considera escandaloso o contido dos tweets que foi facendo públicos a RAE durante a tarde e onte e afirma que “parece mentira que unha institución de gran calado científico xere estas polémicas tan negativas e que lle fan un fraco favor á lingua”. Leal lamenta que “esta desafortunada recomendación da RAE choque co propio labor científico que debe desenvolver e que se lle presupón a unha institución de tanto arraigo como a RAE”.
Xosé Leal contrapón esta postura da RAE co traballo rigoroso realizado pola RAG, que está investir parte dos seus esforzos en recuperar, estudar e poñer en valor a toponimia e mesmo a microtoponima do país. O deputado provincial cita como o exemplos o labor realizado a través das Xornadas de onomástica que cada ano desenvolve a RAG en colaboración coa Deputación de Pontevedra e que se celebran no Museo, e a edición de publicacións nas que se recollen estudos toponímicos. Por último, Xosé Leal tamén considera que a Xunta de Galicia debería solicitar unha rectificación formal da RAE por ir en contra do nomenclátor aprobado oficialmente pola Administración autonómica.

Deja un comentario