+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN FINALIZA A MELLORA DA DRENAXE DA ESTRADA PROVINCIAL SOUTELO-COVAS EN FORCAREI


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez sinala que a actuación tivo un orzamento de preto de 60.000 euros

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras de mellora da drenaxe da estrada provincial EP-7203 Soutelo Covas. Esta actuación, segundo destaca o deputado Uxío Benítez, tivo un orzamento de preto de 60.000 euros e o obxectivo de canalizar as augas pluviais cara fóra da calzada.

O responsable de infraestruturas viarias xa visitara as obras de mellora o pasado mes de maio, coincidindo cunha visita ao concello de Forcarei. Alí constatou a mellora dun treito de 900 metros da estrada EP-7203 Soutelo-Covas entre os puntos quilométricos 0+850 e 1+350 e o 2+550 e 2+950. As obras, dixo o nacionalista, consistiron na limpeza das marxes para despois colocar unha cuneta remontable de formigón, mellorando a drenaxe lonxitudinal para recibir e canalizar augas pluviais da calzada e a escorrentía superficial.

Os operarios, nun primeiro momento, realizaron unha roza dos noiros cunha motoniveladora, retirando os tocóns e raíces existentes. Despois cortouse o pavimento e demoleuse o aglomerado cunha retroexcavadora para formar unha gabia drenante (composta por un tubo de PVC rodeado de grava e envolto nun xeotéxtil) e, finalmente, executouse a cuneta revestida de formigón remontable en forma de ‘L’ cunha sección libre dun metro de largo.

A adxudicataria, Construcciones y Deslizados Galicia, pasou por complicacións durante a época de chuvias, xa que tivo que paralizar a obra debido ao mal tempo. Aproveitando as semanas de sol pasadas déuselle un pulo importante aos traballos, que se finalizaron nestes días a pesares da volta das chuvias.

Deja un comentario