+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

A XUNTA CONFIRMA A PONTE CALDELAS “A ESMOLA” DE 31.000 EUROS PARA COMPENSAR O CUSTO DOS INCENDIOS


O Concello, que nin sequera tiña incluído na súa valoración tódolos gastos realizados, reclamara 102.000 euros

O Concello de Ponte Caldelas xa coñece a cantidade coa que a Xunta de Galicia vaille compensar os gastos extraordinarios producidos polos incendios do pasado 15 de outubro. O municipio que viu como as lapas queimaban 2.900 Hectáreas (un terzo da súa superficie) recibirá 31.000 euros. Así llelo anticipou ao alcalde, Andrés Díaz, o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís.
O Goberno local caldelán, integrado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, tiña reclamado 102.030,69 euros a resultas dos estragos das lapas no alumeado público, valado e dotacións da Área Arqueolóxica de Tourón, colectores de lixo, firme e sinalización vertical e horizontal de estradas municipais e gastos varios como alugueiro de material.
O equipo de goberno renunciou a incluír outro tipo de gastos, como o das horas extraordinarias do persoal ou a reposición de servizos comunais urxentes, de xeito moi destacado os máis de 8 Km de mangueiras e elementos de subministro de auga entregadas ás comunidades veciñais de augas. Unhas 2.000 persoas quedaran sen subministro en Ponte Caldelas despois daquela data e a intervención municipal permitiu repoñelo en poucos días. Tampouco se repercutiron os gastos polo desenvolvemento das xornadas de “mulching” e sementeira de centeo, así como a atención ás persoas evacuadas.
O Concello foi a porta á que chamou toda a veciñanza de Ponte Caldelas nuns días dramáticos e que a Xunta de Galicia limitouse ao anuncio burocrático de axudas millonarias para as entidades locais, empresas e particulares. A realidade é que o apoio económico que finalmente se percibe queda, como se agardaba, nunha “esmola”. O Goberno local de Ponte Caldelas adianta a súa vontade de non contribuír a ningunha liorta política partidista. A política forestal, en materia de ordenación, prevención e extinción, recalca, é unha competencia autonómica exclusiva.
Dende Ponte Caldelas dáse este capítulo por pechado e continuarase traballando para colaborar na ordenación forestal do territorio. Un compromiso que xa quedou acreditado co envío de cartas personalizadas a toda a veciñanza coas faixas de protección de 50 metros grafadas núcleo por núcleo. Tamén coa aprobación dunha ordenanza o pasado ano para impulsar a limpeza dos terreos urbanos e de núcleo rural e coa promulgación dun recente bando para reforzar a información á poboación sobre os últimos cambios na lexislación autonómica.
Por outra banda, Ponte Caldelas traballa conxuntamente dende hai meses cos concellos de Carballeda de Avia (Ourense) e As Neves (a “zona cero” dos lumes do pasado mes de outubro) nun proxecto, con financiamento europeo a través do programa Interreg, para a ordenación forestal destes municipios. Un proxecto ao que, despois de ser presentado á consideración da Consellería de Medio Rural para o seu trámite diante das institucións europeas, tamén se incorporaron por iniciativa do Goberno galego os municipios de Cerdedo-Cotobade e Arbo. Nesta actuación transfronteiriza participarán tamén, de ser aprobada, cámaras municipais portuguesas.

Deja un comentario