+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

CINCO COCIÑEIROS DO GRUPO NOVE ELABORARÁN EN DIRECTO EN SALIMAT ABANCA CREACIÓNS QUE INCLUIRÁN PRODUTOS INNOVADORES PRESENTES NO SALÓN


SERÁ EN CATRO SESIÓNS NAS QUE PARTICIPARÁN CINCO COCIÑEIROS, QUE SERÁN RAFAEL CENTENO (ESTRELA MICHELIN) , YAYO DAPORTA (E. MICHELIN), LUCÍA FREITAS (BIB GOURMAND), JAVIER R. PONTE “TAKY” E ANTONIO BOTANA

O 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2018, o cal se celebra dende hoxe ata o domingo, contará coa presenza de cinco recoñecidos cociñeiros do Grupo Nove.

Baixo o nome “Innovando na tradición” realizarán dende mañá catro sesións nas que elaborarán en directo creacións que incluirán novos produtos presentes na área Alinova da feira, na cal se presentan os últimos lanzamentos ao mercado.

Así, o venres ás 18.00 horas o showcooking estará dirixido exclusivamente aos importadores e distribuidores participantes nos Encontros Internacionais de Compradores do certame, e será a cargo de Lucía Freitas, de Restaurante ‘Bib Gourmand’ A Tafona de Santiago de Compostela, e Javier R. Ponte “Taky”, do catering Boketé. Ambos compartirán de novo cociña nunha das sesións do sábado, á mesma hora pero xa orientada aos visitantes.

Tamén o sábado, ás 12.00 horas e dirixida a público xeral, a demostración correrá novamente a cargo de Lucía Freitas xunto con Yayo Daporta, do restaurante homónimo con Estrela Michelin de Cambados.

O domingo, tamén a mediodía, as elaboracións serán realizadas por Antonio Botana, do restaurante Pandemonium de Cambados, e Rafael Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, tamén con Estrela Michelin. Mostrarán as posibilidades culinarias de varios produtos a distribuidores e tendas goumet invitados ao salón.

O Grupo Nove está formado por 24 cociñeiros e 18 restaurantes galegos, os cales suman 8 estrelas Michelin e 18 Soles Repsol, ademais de varios campións de España de cociñeiros. Recoñecidos dentro e fóra de España, apostan por unha cociña contemporánea en base á excelente despensa que ofrecen a terra e o mar de Galicia, que reinterpreta as raíces, é emocional, de tempada, apegada ao produto e ao sabor.

Javier Ampuero, recoñecido chef peruano

Por outra banda, o venres visitará Salimat Abanca Javier Ampuero, recoñecido chef peruano, aproveitando que está en Galicia nunha misión inversa organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra. Realizará un showcooking, ás 14.00 horas, no que fusionará as gastronomías galega e peruana.

Deja un comentario