+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

FEIJÓO DESTACA OS PREMIOS ‘PONTEVEDRESES DO ANO’ COMO A PROBA DE QUE GALICIA É PROLÍFICA EN VALORES CÍVICOS, EN GRANDES AVENTURAS EMPRESARIAIS E EN GRANDES LABORES INSTITUCIONAIS


Asegura que con estes galardóns o Diario de Pontevedra rescata seis grandes historias que pertencen ao noso presente; “historias que son nosas porque en elas latexa unha intención colectiva”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os galardoados cos premios Pontevedreses do ano 2017 como a proba de que Galicia é prolífica en valores cívicos, en grandes aventuras empresariais e en grandes labores institucionais. De que Galicia nace todos os días, de que é unha realidade dinámica e integrada na que non existen esforzos superfluos.

Durante o acto, Feijóo aseverou que todos eles son un exemplo de que a excelencia non é algo excepcional na Comunidade, senón que xa se converteu en algo habitual, deixando moi lonxe os tempos en que se falaba en singular dos galegos distinguidos que tiñan que superar as adversidades do seu contorno para destacar. “A nosa sociedade e a nosa economía non son hándicaps que hai que superar, senón un hábitat que estimula a innovación, o emprendemento e o compromiso social”, dixo.

Deste xeito, salientou a traxectoria do premiado Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra e comisario de exposicións “inesquecibles” e patrón de moitas institucións da nosa cultura; e os éxitos do Poio Pescamar, lembrando que aqueles pioneiros que fundaron o Ateneo Combarro “loitaron contra rivais deportivos e tamén contra algunha incomprensión social que hoxe pode sorprender aos máis novos”.

Da premiada Beatriz Herranz subliñou que é unha “peregrina do vento que fai compatible a poesía coa que poderiamos chamar diplomacia cultural no Instituto Cervantes”. E da empresa Marfrío, afirmou que forma parte desa economía galega internacionalizada que veu na expansión a súa oportunidade. “Marfrío é líder europea na elaboración e comercialización de peixes e mariscos conxelados e conta con seis distincións do Instituto Internacional de Sabor e Calidade”, precisou.

Así mesmo, aseverou que os alumnos e docentes da Facultade de Belas Artes teñen a sorte de traballar nun lugar no que se pode aprender a importancia da arte para configurar unha cidade.

Por último, Feijóo gabou o traballo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra, unha asociación que ten o premio silencioso dos pacientes que atende, ao que se suma a merecida consideración de Pontevedrés do ano.

O presidente da Xunta concluíu asegurando que con estes premios o Diario de Pontevedra rescata seis grandes historias que pertencen ao noso presente; “historias que son nosas porque en elas latexa unha intención colectiva”, afirmou, incidindo en que en todas elas vive Galicia e nelas se anticipa o país do futuro; un país amable, que nos permite facer, construír e falar con palabras compartidas.

Deja un comentario