+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O SECRETARIO XERAL DE CULTURA GABA AS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE REDONDELA COMO REFERENTE DA LECTURA NO CONCELLO


 

Anxo Lorenzo lembrou durante a inauguración da III Feira do Libro redondelá o 50.º aniversario das súas bibliotecas

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou as Bibliotecas Municipais de Redondela como referente da lectura no concello pontevedrés e lembrou o seu 50.º aniversario que se cumpre durante este ano 2018. Fíxoo durante a inauguración da III Feira do Libro da vila, que tivo lugar hoxe na Alameda.

Anxo Lorenzo destacou a oportunidade do “encontro entre os autores e o público, enriquecido cunha nutrida programación de actividades, nas que os máis pequenos terán un protagonismo especial, e na que non faltarán tampouco presentacións e sinaturas de libros, música ou charlas”. Para o secretario xeral de Cultura “esta variada programación dálles vida aos libros fóra dos seus espazos habituais, sácaos á rúa para facelos protagonistas da vida cotiá, promovendo a lectura como parte das actividades diarias, integrada no día a día”.

O acto de apertura tamén contou coa presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, e mais coa concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Teresa París. A inauguración comezou cun concerto a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela e a escritora, tradutora, crítica literaria e editora Ánxela Gracián foi a encargada de poñer o ramo co seu pregón.

A III Feira do Libro de Redondela conta coa participación das librerías Moliére, La Imprenta, Pedreira, Cortizas e Lafer. O alumnado dos centros da vila puido visitar hoxe a feira con Fátima Fernández e a Coca Simona e farao de novo mañá, venres, mentres que, durante a fin de semana se celebra o décimo aniversario de Leolo, a mascota das Bibliotecas Municipais da vila, co espectáculo Canta connosco! de Migallas Teatro, que se inclúe no programa Ler conta moito, da Secretaría Xeral de Cultura. O domingo, Cantares das letras. De Rosalía a Victoria Moreno, de Luís Vallecillo, seguirá coa difusión da figura da escritora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas. Ademais, preto dunha ducia de autores visitarán o recinto feiral para presentar e asinar libros, e ter a ocasión de conversar cos seus lectores.

Calendario de feiras
As Feiras do Libro de Galicia celébranse nos meses da primavera e do verán, con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, o que, xunto coa programación de actividades paralelas, fai destes eventos unha cita de alto interese cultural. Tras a cita no concello pontevedrés, as Feiras do Libro de Galicia seguirán camiño nos municipios de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo; Rianxo, do 19 ao 22 de xullo, e Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, A Coruña, desde o 1 ata o día 10; Viveiro, do día 11 ao 15; Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.

Deja un comentario