+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O CONCELLO SEMENTA O PASTIZAL GANDEIRO E CONSTRÚE UNHA NOVA CAPTACIÓN DE AUGA POTABLE EN VIDUÍDO


O pastizal, de 10 hectáreas e xestionado con Medio Rural, nutrirá de herba ao sector agrario e servirá para a prevención de lumes forestais

O Concello de Cerdedo-Cotobade segue a desenvolver o seu ciclo de investimentos por todo o municipio e nestes días está a actuar no lugar cerdedense de Viduído cunha triple actuación orientada á creación dun gran pastizal gandeiro, a construción dunha nova captación de auga potable e o acondicionamento do lavadoiro desta aldea.

Así, a Consellería de Medio Rural vén de iniciar as tarefas de sementado dun pastizal de 10 hectáreas que se enmarca no proxecto de creación destes espazos agrogandeiros nas zonas centro e sur do concello con actuacións, aparte de en Viduído, en Deán e Figueroa cun investimento global de preto de 200.000 euros.

Esta actuación, que foi solicitada polos gandeiros da zona e xestionada polo goberno local ante Medio Rural, consistíu no desbrozado do terreo, roturado e abonado ata chegar agora ao semente de pastos. Ademais, inclúe a colocación de peche perimetral con malla gandeira, construción de pasos canadienses e instalación de comedeiros e bebedeiros.

Con estas tarefas preténdese acadar o dobre obxectivo de crear grandes zonas de pasto e herba para o gando para seguir apoiando ao sector primario e de limpeza de montes e zonas forestais, co conseguinte beneficio e mellora das accións de prevención de lumes.

Por outra banda, o Concello tamén está acometendo, xa de xeito directo a través da Brigada Municipal de Obras, a construción da nova captación de auga potable para dar servizo a todas as viviendas deste lugar e garantir o subministro e abastecemento dos veciños ante a chegada do verán e o posible risco de seca.

Finalmente, a aldea tamén se beneficiou das tarefas de limpeza e reparación do seu antigo lavadoiro, que comezaba a mostrar sinais de deterioro. Esta actuación, realizada polos operarios municipais, enmárcase no plan de acondicionamento de fontes e lavadoiros deseñado hai dous anos para reparar estas infraestruturas que, pola súa antigüidade, presentan filtracións ou deficiencias.

Deja un comentario