+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTADA MONTSE MAGALLANES SUPERVISA NO ROSAL AS OBRAS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN PARA A RESTAURACIÓN DE EDIFICIOS MUNICIPAIS


Nos tres anos de goberno de Carmela Silva, a institución provincial leva destinado ao Concello do Rosal máis de 3 millóns de euros

 

A deputada de Emprego, Montse Magallanes, visitou este mediodía, xunto a alcaldesa María del Carmen Alonso, as actuacións postas en marcha no Rosal coas achegas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a restauración de cubertas en varios edificios municipais. O goberno de Carmela Silva destinou a estas iniciativas 154.334 euros que serviron para a intervención nas cubertas de varios edificios destinados a escolas unitarias, así como á vivenda do centro médico rural de San Miguel.

Os traballos realizados consistiron en tarefas de demolición dos elementos deteriorados, con especial coidado en identificar e substituír os elementos estruturais ocultos que afectaban á funcionalidade e seguridade estrutural. Ademais tamén se recuperaron as cubertas, coa restauración dos taboleiros dos soportes, retellados e reparación ou substitución de chemineas, entre outras actuacións. As escolas unitarias sobre as que se actuou son en Fornelos, Tabagón, Novás, Couso, Marzán, Pías, San Miguel e Simón do Mazo.

A Deputación de Pontevedra destinou o ano pasado ao Rosal preto de 560.000 euros dentro do Plan Concellos. Neste ano, a institución provincial incrementou a contía nun 74,2%, polo que ten posto a disposición deste municipio preto dun millón de euros.

Máis de 3 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello
No que vai de lexislatura, o goberno provincial destinou ao Rosal case 3,1 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. En concreto, dende o servizo de Cooperación destináronse máis de 2,1 millóns de euros, entre as partidas destinadas para o Plan Concellos, así como outras achegas distintas para iluminación de espazos, doazón de material para espazos públicos, sinalizacións de rutas ou adquisición de desfibriladores, entres outras actuacións.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou ao Rosal 166.701,64 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, dentro deste eido houbo achegas para distintos programas, como Depotermal, Depo en Marcha, En Ruta coa Depo ou DepoRuarte.

En canto á área de Deportes, O Rosal leva recibidos 57.469 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para subvencións de actividades deportivas e para subvencións a categorías nacionais.

Na área de Igualdade, O Rosal beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 2.500 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa “Conectadas”. Neste eido tamén se impulsou o programa “Cinema e Muller” e as mostras “Sorrisos transformadores” e “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. En materia de emprego, O Rosal contou con máis de 45.000 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral impulsado pola institución provincial.

O Rosal recibiu, nestes tres anos de goberno provincial, máis de 85.026 euros no servizo de Cultura. A través destas achegas, asociacións do municipio puideron promover actividades culturais ou adquirir instrumentos e vestiario. Así mesmo, houbo axudas para as escolas de música, para actividades de dinamización do galego e para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio.

Dende Medio Ambiente destináronse ao Rosal preto de 16.000 euros para o mantemento do campo de fútbol de herba artificial da Mata, así como achegas para as cooperativas agrogandeiras. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén máis de 4.500 euros ao concello do Rosal en materia de novas tecnoloxías a través do programa SmartPeme e para actividades de Administración electrónica.

Case 590.000 euros chegaron nestes anos ao concello do Rosal a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse para obras en viarios, asistencias técnicas para proxectos, rozas e limpezas de estradas, pintados de viarios, sinalización e actuacións do Plan Móvese.

Deja un comentario