+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A PROVINCIA DE PONTEVEDRA CONVERTESE ESTA FIN DE SEMANA NO EPICENTRO DO FÚTBOL GALEGO COA CELEBRACIÓN DAS DÚAS FINAIS DA COPA DEPUTACIÓN


O Choco e a Agrupación Estudantil da Estrada xogarán a final masculina, este sábado no Porriño, e Atlántida Matamá e o Umia, a final feminina, o domingo en Gondomar

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou xunto a Chelo Besada, deputada de Deportes, e Jaime Otero, delegado da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, as finais da Copa Deputación, que terán lugar este fin de semana, despois de dous meses de competición. O encontro contou coa asistencia de adestradores, adestradoras, xogadores e xogadoras dos catro equipos que disputarán ambas as dúas finais.

A primeira final en celebrarse será a masculina, que enfrontará ao CD Choco de Redondela, como campión da Zona Sur, e a Agrupación Estudiantil C.F. da Estrada, campión da Zona Norte. Tal e como informou a presidenta da Deputación o encontro terá lugar este sábado 9 de xuño, ás 17.00h no Campo de Fútbol Municipal O Lourambal, no Porriño.

O equipo redondelán defenderá título un ano despois de que derrotase na final ao Estradense. O CD Choco é un dos grandes dominadores desta competición, de feito foi o gañador nas tres últimas edicións.

En categoría masculina, a Copa Deputación de Fútbol deste ano contou coa participación de 113 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica, é dicir, 6 más que na edición de 2017.

Na rolda de prensa, Carmela Silva apuntou que “a Copa Deputación segue medrando, este ano tivemos máis equipos que o ano pasado e esperamos que na próxima edición haxa máis participantes tanto masculinos como femininos”.

Pola súa banda, a final feminina xogarase este domingo 10 de xuño, ás 17.00h, e nela pelexarán polo título o S.C.D. Atlántida Matamá, campión da zona de Vigo, e o Umia C.F., campión da zona de Pontevedra.

En relación á categoría feminina, Silva mostrouse “satisfeita de que cada vez haxa máis mulleres no deporte, que traballemos pola igualdade de oportunidades e por iso alégrame moito volver a celebrar a Copa Deputación en categoría feminina”. Nesta categoría participaron nesta edición da Copa Deputación 15 equipos, 7 da delegación de Pontevedra e 8 da delegación de Vigo. A presidenta fixo un chamamento para que as dúas finais estean ateigadas de xente desfrutando do fútbol. Amais, a presidenta agradeceu o esforzo a todos os clubs clasificados para as últimas rondas da competición por “seguir xogando nestas datas, cando a temporada xa está rematada”.

Pola súa banda, Jaime Otero, delegado da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, afirmou que “espera que estes dous eventos teñan repercusión e a xente poida ir a desfrutar dun bo día de fútbol” e tamén resaltou que “espera que coa axuda das institucións poidamos facer medrar o fútbol feminino”.

Carmela Silva aproveitou para presentar os novos trofeos que se entregarán aos finalistas da Copa Deputación, dos cales a Presidenta explicou que “por vez primeira quixemos que foran elaborados pola Escola de Cantería da Deputación para poñer en valor cuestións que teñen moito que ver connosco como provincia, somos unha terra de pedra e auga e miremos onde miremos o traballo da pedra está presente dende que nacemos. Así, unimos a potencia do deporte, con homes e mulleres duros como pedras co que nós somos como pobo”.

Ao acto tamén acudiron en representación dos equipos participantes nas finais da Copa Deputación de Fútbol: Sara Paz, xogadora do Matamá; María del Mar Comesaña, delegada, e César Casas, presidente do club vigués; Graciela Gómez, Sandra Diz, Jéssica Prieto e Patricia Casas, xogadoras do Umia C.F., Jorge Gómez, delegado, Félix Gómez, coordinador, e Moisés Campos, adestrador do equipo de Barrantes; Lucas Fernández, xogador do CD Choco, Iván Crespo, presidente, e Marcos Montes, adestrador do conxunto redondelán; Brais Calvo, capitán do Agrupación Estudantil C.F. da Estrada, e Arturo Fandiño, presidente do club dezano.

Deja un comentario