+034 986 09 02 04 Mércores 26 de Setembro de 2018

A BOLSA DE CONTRATACIÓN TURÍSTICA DE TUREXPO GALICIA ACOLLEU MÁIS DE 2.500 REUNIÓNS DE NEGOCIO CON 44 TUROPERADORES DE 12 PAÍSES


ESTES OPERADORES DE TURISMO REUNÍRONSE CON 124 EMPRESAS DO SECTORE QUE LLES AMOSARON AS SÚAS PROPOSTAS

O VIII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2018, que se celebrará ata o domingo conxuntamente coa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), acolleu no marco da súa Bolsa de Contratación Turística 2.535 reunións de negocio, as cales superaron as da pasada edición, cando foran algo máis de 2.400.

Estes encontros producíronse entre 124 empresas, na súa maioría galegas pero tamén cun importante número de Portugal e algunhas de Asturias, e 44 operadores turísticos procedentes de España, Alemaña, Brasil, Canadá, Dinamarca, Francia, Gran Bretaña, Italia, Polonia, Portugal, Rusia e, por primeira vez no salón, Xeorxia. Tiveron lugar onte e hoxe pola mañá.

Estes turoperadores amosaron á organización a súa satisfacción polas reunións e a calidade das propostas que coñeceron, expresando a súa intención de incorporar moitas delas ás ofertas que farán aos seus clientes nos seus países de orixe. Así mesmo, destacaron a vantaxe de contar con propostas de Galicia e o norte de Portugal, así como da súa conexión e cercanía, para ofrecer a posibilidade de estar en dous países na mesma viaxe. Ademais, subliñaron o potencial co que contan ambas rexións nalgunhas materias, como o enoturismo e o turismo de xardín en canto á camelia, o que permiten crear paquetes temáticos conxuntos.

Así mesmo, os turoperadores especializados en turismo de experiencias, que acudían por primeira vez nesta edición, destacaron a presenza de numerosas propostas de gran orixinalidade, entre elas show cookings en casas particulares, rutas en bicicleta ou a posibilidade de mariscar.

Pola súa banda as empresas participantes tamén expresaron en xeral o gran interese dos Encontros e dos turoperadores participantes, así como os resultados.

Esta Bolsa de Contratación Turística, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, converteuse unha vez máis nunha inmellorable plataforma de negocio para as empresas participantes e o sector turístico galego.

Viaxe de familiarización

A estas mesas de negocio da Bolsa de Contratación engadirase esta tarde e mañá todo o día un post-tour, unha viaxe de familiarización que levará aos turoperadores á ría de Muros e Noia e a Fisterra. Así, hoxe realizarán un paseo polo casco histórico de Noia e desfrutarán do Castro de Baroña, para logo cear en Porto do Son.

Xa mañá, subirán a un vagón do Museo Mineiro de San Finx (Lousame) e visitarán tanto a central hidroeléctrica do Tambre como varias pesquerías de lamprea. Tamén navegarán polo Tambre, visitarán Ponte Nafonso e descubrirán a ría dende o mar no balandro Joaquín Vieta.

Tras atracar no porto marisqueiro de O Freixo, comerán e visitarán Muros para dirixirse logo cara Fisterra. Así, pola tarde coñecerán Carnota, O Pindo e a fervenza do Ézaro, ademais de facer un pequeno tramo do Camiño dos Faros.

Deja un comentario