+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

PONTE CALDELAS RECIBE CATRO SOLICITUDES PARA CUBRIR A ÚLTIMA PRAZA VACANTE DE SOCORRISTA NA PRAIA DA CALZADA


A bandeira azul izarase unha vez contratados todos os profesionais e rematadas as obras de mellora na contorna

Un total de catro aspirantes presentaron solicitude á convocatoria de Oferta de Emprego Público temporal de Ponte Caldelas para cubrir a terceira e última praza vacante de socorrista na praia da Calzada, o único areal fluvial de toda España en contar con bandeira azul.
O Concello convocounos o próximo martes para a realización da proba teórica, consistente nun test de 10 preguntas, e, a continuación, a práctica, que se realizará na propia praia da Calzada.
Deste xeito, quedará cuberta a totalidade das prazas necesarias para contar con servizo permanente, requisito esixido pola asociación Adeac, que outorga as bandeiras azuis e avalía o grao de cumprimento. Ponte Caldelas xa conta con dous profesionais que foron seleccionados a semana pasada a través dos Servizos Públicos de Emprego.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está satisfeito do transcurso dos acontecementos nesta temporada, superando así as dificultades xurdidas o ano pasado trala renuncia dun socorrista e a imposibilidade de substituílo. As razóns do éxito deste ano están na ampliación do período de contratación, que pasou de dous meses (xullo e agosto) a tres meses e os oito días de vacacións correspondentes (vixencia entre o 15 de xuño e o 22 de setembro). Ademais, Ponte Caldelas comprométese a abonar o salario do convenio de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia.
O alcalde, Andrés Díaz, destacou que diante da escaseza de socorristas tíñase producido un fenómeno de competencia entre os municipios con bandeiras azuis, polo que optouse por potenciar o atractivo laboral da oferta caldelá. Aínda así, engadiu, o problema debería resolverse definitivamente cunha contratación global destes profesionais para toda Galicia, con asignación posterior de destinos en función das circunstancias persoais dos aspirantes, e establecendo condicións laborais homoxéneas.
Unha vez que os tres socorristas de Ponte Caldelas asinen o seu contrato e o Concello remate as actuacións de mellora que se están a realizar na Calzada, con plantación dunha ampla zona de céspede natural para gozar ao máximo desta contorna, o Goberno local izará a bandeira azul.

Deja un comentario